Traballamos os textos (I)
FONEMA
Do máis aló da gorxa,
dun profundo e misterioso fol ,
saíannos sons que debiamos matar.
Repitan, dicía o mestre:
Los pájaros de Guadalajara tienen la garganta llena de trigo.
Pero Lolo o do Rito dicía que
Los pájaros de Juadalagara tienen la jarjanta llena de trijo
e o mestre dáballe un pao.
A min custoume algún traballo dicir sen respirar
que había plantas monocotiledóneas
pero non dei sabido de que familia era,
se é que a tiña,
o toxo que douraba os montes de Galicia.
Costa da Morte Blues, 1995
1.- Indica o tema do texto.
2.- Resume o texto.
3.- Define os fonemas vocálicos da palabra “gorxa”.
4.- Di o significado das palabras misterioso, fol, respirar, toxo.
5.- Partindo do texto, dá a túa opinión sobre o modelo de ensino franquista en comparanza co actual.
COMENTARIO:
1º Lectura comprensiva.
2º Guión previo.
1º Parágrafo. Introdución: réximes políticos distintos (ditadura e democracia) teñen modelos de ensino tamén diverxentes. Posiciónate indicando cal cres que é mellor.
Dous parágrafos para comparar os dous sistemas educativos (un para cada sistema):
2º parágrafo. Características do modelo franquista.
- Autoritarismo e castigo físico.
- Ensino confesional católico con control da igrexa
- Adoutrinamento ideolóxico.
- Prohibición da ensinanza mixta.
- Prohibición do bilingüismo.
3º parágrafo: Características do modelo democrático. Leis (LOXSE en 1990, LOCE en 2002, LOE en 2006, e LOMCE, en vigor desde 2014).
- Tolerancia e diálogo.
- Sen ser laico, non obriga ao estudo da relixión.
- Fomenta a liberdade e o espírito crítico fronte á censura ditatorial.
- Ensino mixto.
- Respectuoso coas linguas minorizadas e minoritarias.
4º parágrafo. Conclusión:
- Síntese do anterior .
- Concluiremos que o modelo actual é mellor, pero podemos presentar algúns dos problemas que ten, como:
- Escasa implicación das familias na educación dos fillos.
- A desaparición nunha porcentaxe elevada do alumnado da cultura do esforzo.
- A desorientación dun sector do profesorado que estudou na etapa franquista ou na transición e non foi reciclado para formar os individuos que demanda a sociedade actual: creativos, competentes nas TIC, capaces de traballar en equipo…
Por todo isto, queda aínda moito camiño por andar para conseguir un modelo educativo que poida competir cos que hoxe se consideran punteiros no mundo: Corea do Sur, Finlandia, Xapón, Holanda ou Canadá.

Comentarios
Publicar un comentario