A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas
Na década dos 50, cando se inicia a recuperación da literatura galega, xorde un grupo de mozxs que incorpora á nosa narrativa novos motivos e novas técnicas relatoras (mesmo experimentais), do mesmo xeito que os homes do grupo Nós supuxeran un achegamento ás novas tendencias culturais de Occidente, son os integrantes da Nova Narrativa Galega. Non se pode falar en sentido estrito dunha escola ou grupo homoxéneo, mais úneos a súa formación universitaria, con claras inquietudes galeguistas, viaxeiros por Europa e coñecedores da literatura europea e americana. No plano literario, a súa intención innovadora e o desexo de ruptura formal coa tradición narrativa.
A “Nova Narrativa Galega” é un movemento de renovación temática e técnica no que incluímos un conxunto de obras publicadas entre 1954 e 1971. Compartían actividades e canles de expresión con outros narradores epoetas dos 50: publicaron a colección “IIla Nova “ de Galaxia, participaron nas Festas Minervais,colaboraron no xornal “La Noche”...
Aínda que o nome é un calco de Nouveau Roman –movemento
contemporáneo francés-, non é esta a única influencia, nin sequera a
máis destacábel. Participan da concepción desintegradora da novela
tradicional practicada por escritores do século XX (desde os anos 10 até
o nouveau roman) que foxen do relato da biografía -a vida
literaria- dun heroe problemático. Interesa a narración sen andadura
lóxica, mesmo sen protagonista individual e sen historia: recollen de M. Proust a descrición minuciosa dos estados de ánimo (novela psicolóxica), de Kafka o mundo atormentado, con protagonistas illados e impotentes ante unha realidade estraña e absurda (clima de irrealidade); de J. Joyce a exploración do monólogo interior; de W. Faulkner a destrución da lóxica temporal (retrospeccións, prospeccións, minutos eternos, eternidades brevísimas...); do psicanalista Sigmund Freud a presenza do complexo mundo do subconsciente (traumas, soños, símbolos...), de Marguerite Duras e Claude Simon o obxectalismo, de John Dos Passos a narración obxectiva.
O Nouveau Roman propugna o obxectalismo, concédelle ás cousas a mesma importancia que aos personaxes, que deixarán de ser o centro; o protagonista fica reducido a un pronome EU, TI..., cuxa identidade non interesa, que se atopa perdido, que busca non sabe qué, que non sabe por que está aí... E para presentarnos as situacións sérvese da vista, que percorre a superficie das cousas, presentándonos as formas, límites e contornos (como unha cámara de cine). A obra de arte redúcese a un puro formalismo, a unha construción enxeñosa e artificiosamente técnica.
CRONOLOXÍA:
Hai unanimidade á hora de considerar o inicio deste movemento a publicación en 1954 da obra de Gonzalo Mourullo, Nasce un árbore. A data de peche xa é máis discutida; hai quen o dá por finalizado en 1960 con Cambio en tres, de Carlos Casares, mentres outros prefiren alongar este periodo ata 1980, cando Camilo Gonsar publica Cara a Times Square.
Dentro deste periodo, Manuel Forcadela establece tres etapas:
. Etapa de formación (1954-1964): predomina a temática existencialista e o influxo de Kafka. Xa se manifesta o experimentalismo nas técnicas pero os temas son moi variados.
. Etapa de auxe (1964-1968): a experimentación técnica e formal acada o máximo protagonismo. Destaca o predominio do obxectalismo.
. Etapa de liquidación (a partir de 1968): van abandonando a experimentación formal á vez que o existencialismo vai sendo substituído por temas simbólicos ou de alegoría política.
CARACTERÍSTICAS:
A) No relativo ao argumento, ao tema:
-Abandono do antropocentrismo.
-Localización espacial imprecisa, sen identificación física.
-Ambientes urbanos.
-Ausencia de preocupación inmediata polos conflitos do país, que só se albiscan nun segundo plano en clave simbólica.
-Mestura de realidade e mundo fantástico, onírico.
-Exploración de situacións estrañas e opresivas, nos límites do absurdo.
-Presenza do sexo (escasamente apreciable na literatura anterior) e
da violencia, que moi frecuentemente leva emparellada a morte.
B) Formais:
- Monólogo interior.
- Distorsión temporal, botando man da retrospección ou
"flash-back", da técnica de montaxe de diferentes planos con
independencia do curso lineal en que se sucedan, ou da ralentización de
acontecementos, como a cámara lenta do cine.
- Pluralidade de voces narrativas, que se alternan e superpoñen, mesturando ás veces as persoas gramaticais.
- Enfoque obxectalista no que o narrador non rexistra máis que os feitos que percibiría unha cámara.
En palabras de Mª Xosé Queizán, unha das autoras, procúrase “elaborar a novela sen tema, sen andadura lóxica, sen busca; non hai heroe nin historia, nin anécdota”.
O corpus da NNG abrangue unhas vinte obras publicadas entre 1954 (Nasce un arbre, de Gonzalo Rodríguez Mourullo) e 1971 ((Adiós, María, de Xohana Torres).
.- O autor máis destacado é Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense,
1938), cunha obra moi extensa e moi relacionada entre si, formada por
novelas e relatos curtos que comparten a creación dun mundo fantástico,
con forte presenza de violencia e elementos políticos tratados de forma
alegórica. Nela podemos destacar tres etapas:
-Nova Narrativa Galega: 1961-1971. Predominio da
técnica experimental sobre o interese argumental. Tematicamente, trata o
absurdo e a falta de sentido da vida, con influencia do
existencialismo.
O crepúsculo e as formigas (1961) é un conxunto de
relatos nos que deforma a realidade facéndonos dubidar se o que narra é
real ou imaxinario. Pero o máis importante vai ser a violencia para
mostrar situacións de opresión e miseria, é dicir, para mostrar unha
realidade. A violencia, que forma parte do absurdo da existencia,
prodúcese en seres atormentados e nun espazo escuro que semella ser o
culpábel. Na novela Arrabaldo do norte (1964), sen seguir
ningún modelo francés determinado, vese que hai unha forte vontade
tecnicista (técnica obxectalista), superpondo a estrutura narrativa ao
interese do relato. Presenta un home incapacitado para a comunicación,
con diálogos inútiles, que anda perdido polas rúas á procura dun cambio
na súa vida que non dá conseguido.
As outras dúas etapas posteriores están xa fóra dos límites da NNG:
-Segunda etapa: 1971-1980. Maior riqueza temática e omnipresencia da preocupación política.
-Terceira etapa: a partir de 1980. Caracterízase
por unha volta á fantasía e ás recreacións míticas e maior preocupación
estilística, con Tagen Ata -Galiza- entre fábulas imaxinarias que
encerran unha denuncia social.
.- Outro autor que comezou coa Nova Narrativa Galega foi Carlos Casares (Ourense,
1941-Vigo, 2002), pero as súas mellores novelas son posteriores e de
feitura moito máis clásica. Nesta corrente inscríbense o libro de
relatos Vento ferido (1967) -Os relatos Monólogo ou O xogo da guerra, figuran en moitas escolmas e libros de texto- e a novela Cambio en tres (1969).
A súa prosa posterior é sinxela pero
moi traballada, para resultar natural e interesar a un amplo número de
lectores.
.- Gonzalo R. Mourullo: Nasce un árbore (1954) e Memorias de Tains (1956), obra clave deste movemento, onde baixo a forma de cartas amosásenos un mundo arrepiante, cuns personaxes movidos por un destino tráxico pechados nun clima de anguria.
.- Xohana Torres: Adiós, María,obra na que trata o tema da emigración.
.- Mª Xosé Queizán : supuxo a vangarda no feminismo nacionalista galego. A orella no buraco é unha das súas obras máis coñecidas.
Comentarios
Publicar un comentario