Traballamos os textos

 


Antes de nada: 

1. Lectura comprensiva, que ten como obxectivo conseguir unha idea xeral do texto. Usa o dicionario se non coñeces algunha palabra e infórmate sobre os conceptos que aparezan que non controles. 

2. Lectura reflexiva para descubrir o fío condutor do texto. Podes usar como técnica o subliñado. 

3. A lectura analítica ten como obxectivo descubrir as ideas principais e secundarias do texto, será fundamental para facer o esquema e descubrir a estrutura do texto. 

Entendestes o texto? Pois entón podemos empezar. 

 

O TEMA. 

Non debemos confundilo co título (é algo máis extenso) e moito menos co propósito do autor ou co resumo ou síntese. O tema debe ser unha frase que exprese a idea fundamental do texto, polo tanto diranos algo máis do texto ca o título. 

Para identificalo, formulémonos a cuestión : De que trata o texto? A resposta será, a ser posible, un substantivo abstracto seguido dalgún complemento que precise a idea central do texto, por ex.: os dereitos dos indíxenas brasileiros, o respecto aos animais, a deslocalización do mercado laboral no mundo actual...  Procurade non superar as 10 palabras. 

 

 O RESUMO.

 Resumir un texto consiste en sintetizalo sen emitir xuízos valorativos nin engadir información que non estea presente no texto que resumimos. Un resumo deber ter as seguintes características: 

- Claridade (fácil de entender) e brevidade, pero sen deixar á marxe ningún aspecto fundamental. Recorre á coordinación sobre a subordinación e condensa varios parágrafos nun só, o que implica o emprego do punto e seguido sobre o punto e á parte. Como referencia, o resumo debe ter unha extensión próxima ao 25% en relación co texto orixinal. 

- Obxectividade. Non podemos incluír opinións ou valoracións persoais que distorsionen o expresado no texto. 

- Estrutura orixinal. Posto que o resumo é un novo texto, independente do orixinal, ha de ter unha estrutura interna propia que relacione coherentemente as distintas partes, non presentar as ideas de forma esquemática. Lembremos tamén que, ao redactar o resumo, podemos seguir a nosa propia orde de exposición, pero adoita resultar máis doado (e igual de correcto) seguir a orde do texto base. 

- Utiliza as túas propias palabras. Non copies o texto nunca, redacta as ideas fundamentais, cohesiónaas entre si, pero sen empregar expresións do texto que estás resumindo. 

- Expresión gramaticalmente correcta. O resumo ha de ser correcto desde o punto de vista gramatical.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas

As variedades dialectais da lingua galega

Poesía galega de finais do século XX e inicios do XXI (anos 80, 90 e década dos 2000)