Traballamos os textos (III)
O Antigo Réxime dividía a poboación en tres grupos sociais, aos que chamaba estamentos: a nobreza, o clero e o Terceiro estado.
A nobreza representa o grupo social máis elevado. O seus privilexios consistían na exención de pagar impostos, na reserva en exclusiva do desempeño dos principais cargos políticos e militares e na existencia de tribunais de xustiza propios.
Os ingresos económicos dos nobres procedían das rendas que lles pagaban os labregos que traballaban as súas terras e dos cargos políticos e militares que desempeñaban.
O clero tamén gozaba de privilexios como non pagar impostos ou recadar un tributo especial, o dezmo, que obrigaba aos campesiños a entregarlles a décima parte das súas colleitas. Existía unha clara diferenza entre o clero alto, integrado polos relixiosos que procedían da nobreza, e o baixo clero, ao que pertencían os das clases populares. Os membros do alto clero desempeñaban os cargos máis altos daxerarquía –papas, cardeais, bispos, abades- , mentres que os do baixo clero ocupaban os cargos inferiores –cregos rurais, frades e monxas.
O Terceiro Estado constitúe o estamento máis numeroso. Recolle a todos os grupos sociais que tiñan en común non teren privilexios, pero entre os cales había grandes diferenzas económicas e culturais. Forman o Terceiro Estado a burguesía, á que pertencían os banqueiros, os comerciantes e os industriais; o campesiñado; os traballadores urbanos –artesáns, asalariados, aprendices, criados…- e os grupos marxinais –esmoleiros e vagabundos que vivían da caridade.
1.- FAI O ESQUEMA DO TEXTO
2.- ELABORA O RESUMO

Comentarios
Publicar un comentario