Traballamos os textos (IV)

 


 A vitoria de Iván Raña na Copa do Mundo de triatlón, que se desputou en Cancún (México) o pasado 10 de novembro, confirma que o mozo de Ordes gañou o pulso que iniciou contra as súas limitacións o día no que se meteu na máis dura disciplina atlética con ánimo de facer historia. Desque volveu co diploma olímpico de Sydney 2000 non fixo máis ca coleccionar medallas de ouro e prepara os Xogos de Atenas de 2004 coa maior das confianzas e unha repercusión nos medios de comunicación case descoñecida para todos aqueles deportistas que non gañan a vida e a gloria dándolle pancadas a un balón.

Iván Raña mereceu o triunfo porque cabo das súas incríbeis cualidades físicas axuntou esforzo e autoconfianza. Cando conversei con el para unha entrevista antes de que gañase en Hungría o Campionato de Europa, confesábame que el sabía que estaba renunciando a unha parte da súa xuventude, pero tiña claro que a recompensa podía ser enorme. “ A vida do triatleta é un sacrificio permanente, pero non hai satisfacción meirande que entrar de primeiro na meta, xa sen azos nin para falar, pero feliz por facer o traballo ben feito”.

Sempre bromea dicindo que viviu dous anos coma unha monxa, sen permitirse o luxo dunha noite de xolda nin o mínimo exceso que prexudicase a súa preparación. Nunca se puxo límites, non falou de terceiros ou cuartos postos, El quería, así o demostrou en México, ser o número un; recuperar a maxia para o deporte, aprenderlles aos rapaces que o admiran en Ordes e en toda Galicia, que hai un xeito de se facer grande, de pasar á historia de verdade a base de suor e orgullo por un mesmo.

O noso campión é un deportista literario. Mostrou publicamente que o seu xeito de facer triatlón ten a épica das novelas decimonónicas (polo longas que resultan cada unha das súas carreiras), e a eficacia dun soneto (onde cada verso queda rexistrado na estela sobre a auga, nos pedais, no asfalto...).

                                                                                              César Lorenzo. A Nosa Terra

 

1.- FAI O ESQUEMA DO TEXTO

2.- ELABORA O RESUMO

Comentarios

Publicacións populares deste blog

A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas

As variedades dialectais da lingua galega

Poesía galega de finais do século XX e inicios do XXI (anos 80, 90 e década dos 2000)