O galego de 1936 a 1978

 O franquismo supuxo un gran retroceso para a cultura galega. Durante os anos da ditadura, o galego estivo ausente de todos os usos oficiais e públicos, desaparecendo case calquera manifestación cultural na nosa lingua. Esta situación política, xunto con outras dinámicas sociais, foron privando ao galego tamén de moitas esferas privadas ás que estaba relegado, converténdose o castelán cada vez máis na lingua das clases acomodadas e do ámbito urbano. Grazas ao pulo de iniciativas como a Editorial Galaxia, foi posible manter unha pequena chama de esperanza para un futuro rexurdir da lingua.


Os corenta anos de réxime franquista supuxeron un corte radical e un claro retroceso para o prestixio e a conciencia lingüística que os galeguistas acadaran nos primeiros anos do século XX. Este período de silenciamento e represión acostuma a denominarse metaforicamente coma a longa noite de pedra da lingua galega, en alusión ao libro de poemas que con este mesmo nome, Longa noite de pedra, publicaba en 1962 Celso Emilio Ferreiro, no que amosaba a súa total desconformidade coas ideas políticas, culturais e lingüísticas oficiais da época. 

Nesta etapa o galego foi afastado dos ámbitos institucionais e culturais, así como dos usos escritos. Se ben é certo que non existía na época unha lexislación que prohibise de xeito explícito o emprego do idioma, o uso público do galego en contextos elevados e formais era interpretado como unha clara confrontación ao réxime. Aínda así, cómpren algunhas matizacións temporais. Se a década de 1940 se caracterizou por un total silenciamento e represión dos usos públicos do idioma, a partir de 1950 observamos xa un pequeno rexurdimento, debido en grande medida ao labor da Editorial Galaxia.

A aparición de entidades asociativas como O Galo e O Facho nos anos 60, xunto coa institucionalización en 1963 do 17 de maio como Día das Letras Galegas, axudaron a revitalizar os usos culturais da lingua, acentuándose esta dinamización lingüística na década dos 70, onde coincidindo coa etapa máis aberta do réxime, o galego acada certa presenza no ensino e nos medios de 

 Polo que respecta ás funcións de identidade e familiar, o galego mantivo o seu protagonismo maioritario, aínda que o castelán se foi instalando progresivamente nas capas sociais máis acomodadas e nos núcleos urbanos. Con todo, temos que ter en conta que nestes anos dous terzos dos habitantes de Galicia vivían en entidades de poboación de menos de 2000 habitantes, o que favorecía o galego debido ao seu maior grao de conservación nas zonas rurais. De calquera xeito, se por algo se caracterizan estes anos é polo abandono paulatino do monolingüísmo e o aumento do bilingüismo diglósico.

A progresiva castelanización global da sociedade, unha das principais características sociolingüísticas destes anos, explícase en gran medida polo relativo crecemento urbano, a expansión das clases medias vinculadas ao sector servizos, a progresiva xeneralización do ensino e a aparición dos grandes medios de comunicación. A todo isto, contribuíu fortemente que factores como o prestixio ou ascenso social se relacionasen directamente co uso do castelán, o que provocou nos falantes habituais de galego tanto mudanzas lingüísticas cara ao castelán como un crecente sentimento de autoodio. 



Un pouco de HISTORIA.

 

 O Colonialismo lingüístico:


Comentarios

Publicacións populares deste blog

A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas

As variedades dialectais da lingua galega

Poesía galega de finais do século XX e inicios do XXI (anos 80, 90 e década dos 2000)