Traballamos os textos (X)

 

Don Mariano camiña polo lado dereito do corredor do segundo andar de San Caetano na procura da seguinte reunión. Chega tarde e sábeo, por iso apura. Precédeno dous grosos asesores con cadanseu maletín na mao esquerda. Por detrás, dúas esveltas mulleres de andar contido e cartafol ao peito. De súpeto, don Mariano detense e todos se deteñen. Colle o móbil que vibra no peto do pantalón, mira a pantalla e aperta os labios ante a amoladura.

––Dime –di.

Don Mariano, trinta segundos despois de descolgar e os mesmos a escoitar a pertinaz voz que sae polo seu móbil, atravesa o corredor e achégase a unha ventá. Vólvese para comprobar que ninguén axexa o que considera unha conversa privada. A seguir exclama, coa mao coa que sostén o aparello tapándolle a boca:

––Mira, Vanesa, eu non che teño a culpa de que alucines coa túa nai e co que pasa! E se non lle queres falar, alá ti. Ela seguramente fixo o que tiña que facer, e eu estou ocupadísimo traballando. Pero ocupadísimo, entendes? Así que... Mira, vouche solucionar o teu problema de vez. Agora mesmo sobes ao teu cuarto e remexes no camión de roupa que tes polos catro armarios. Colles o que che praza e pólo, que aí está todo rebaixado, pero moito máis rebaixado que en Londres, París ou eses lugares raros aos que sempre pretendes ir de compras. Incluso, se queres, podes poñer catro pares de botas, sete cazadoras e oito gorros nas orellas, todo xunto, a ver se así colles unha enchente e... Ou se non, mellor aínda, filla, 16 sen dar o lerio como estás dando, volves para o instituto, que é onde debía estar metidiña toda a mañá unha mocosa de dezasete anos coma ti. E por favor, a ver se deixas de "flipar" tanto!

Don Mariano non agarda pola resposta. Amolado, pecha o móbil e méteo no peto. Entón emprende de novo a marcha, e todo o seu séquito, como se tivese ensaiada unha coreografía, fai o mesmo.

                                                                      Xavier Quiroga, Zapatillas rotas, 2014



1. Fai un resumo do texto explicando brevemente o sentido da conversa telefónica entre pai e filla que parcialmente se reproduce nel. [1 punto]

2. Explica: a) o significado que teñen no texto as locucións de vez e dar o lerio ; b) que quere dicir o autor cando afirma que o séquito actúa como se tivese ensaiada unha coreografía . [1 punto]

3. Expón, de maneira argumentada, a túa opinión persoal sobre o problema que reflicte o texto e, en xeral, sobre este tipo de conflitos familiares entre pais e fillos adolescentes. (Extensión aprox. 200-250 palabras) [3 puntos]

4. Que tipo de irregularidade morfolóxica presenta a forma verbal sobes? . Explica en que consiste e indica a que formas do verbo subir afecta. Que forma debería usar o pai de Vanesa se empregase o modo imperativo? [1 punto]

5. Tedes no texto en negriña a forma che empregada con dous valores claramente distintos. Coméntaos explicando por que son diferentes. [1 punto]

Comentarios

Publicacións populares deste blog

A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas

As variedades dialectais da lingua galega

Poesía galega de finais do século XX e inicios do XXI (anos 80, 90 e década dos 2000)