O galego a finais do século XX e comezos do XXI


Morto Franco (1975) e instaurada unha democracia parlamentaria a situación do idioma vai estar definida polo marco xurídico-legal que emana da Constitución (1978), do Estatuto de Autonomía (1981) e das leis do Parlamento de Galicia.

O galego incorpórase ás máis variadas funcións: xornais e revistas, ao ensino, á radio e televisión, ao libro didáctico; vai ser empregado na Universidade, na Administración, na Igrexa, na publicidade... Mais a pesar desta presenza semella que aínda estamos lonxe de conseguir a recuperación total do idioma.

En 1982, froito do acordo entre a Real Academia Galega e mais o Instituto da Lingua Galega, publícanse as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego que definen o estándar da lingua contemporánea e que a Xunta de Galicia adoptou como oficiais. Aínda que a aceptación desta normativa non foi unánime, dende a revisión das normas no 2003, este rexeitamento é mínimo.

No ano 1983 promúlgase a Lei de Normalización Lingüística, que vai a supoñer entre outras cousas a incorporación da Lingua Galega ao sistema educativo oficial, o cal supón un fito histórico xa que por vez primeira os galegos comezan a ser alfabetizados sistematicamente na propia lingua. No ano 2004 apróbase por unanimidade no Parlamento galego o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, documento que deseña actuacións de promoción e defensa do idioma para o converter en lingua de uso normal en Galicia (aínda que reformado á baixa en 2010).

Malia todo isto, o galego segue a perder falantes iniciais e habituais, e tampouco consegue desterrar vellos e novos estereotipos lingüísticos negativos que fan que o seu uso habitual, sobre todo nos máis novos, diminúa día a día. O galego abálase hoxe entre o positivo dos avances que se acadaron e a preocupante persistencia de síntomas moi negativos para o futuro da lingua. Na situación de conflito lingüístico que aínda estamos a vivir, de non cambiar as tendencias, o galego pode chegar a desaparecer, aínda que por outra banda, a nosa lingua xa superou ao longo da súa historia outras situacións desfavorables máis complexas.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas

As variedades dialectais da lingua galega

Poesía galega de finais do século XX e inicios do XXI (anos 80, 90 e década dos 2000)