Organización do curso
Benvidxs!!!
Non haberá libro de texto. A profesora entregaravos os apuntamentos de todos os temas, tanto dos de Literatura como dos de Sociolingüística.
Os exames escribiranse con bolígrafo, nunca con lapis, e os traballos entregaranse escritos a man, agás se temos ensino online.
CRITERIOS DE CUALIFICACIÓN E RECUPERACIÓN
Haberá dous exames por avaliación que constituirán o peso específico da nota, un 80%.
Os temas non se eliminan, polo que no primeiro exame entrarán os dous primeiros temas; no segundo, os catro primeiros; no terceiro, os seis primeiros e así sucesivamente. Por iso, dada a acumulación de materia, a partir do terceiro exame incluído haberá dúas opcións (ao igual que na ABAU). A duración dos exames será de 90 minutos.
O resto da nota da avaliación sairá dos exercicios de Oralidade (10%) e dos comentarios críticos (10%).
En canto á Oralidade, seranos, creo, case imposible facer exposicións orais na aula, debido ao número de alumnado que sodes, polo que teredes que gravar vídeos; asemade, avalíase a través da observación na aula, xa que falar en galego e utilizar un galego correcto, tamén puntúa.
Os comentarios críticos faranse tanto na aula como na casa dependendo das circunstancias.
A nota das avaliacións será a media dos dous exames, sumándolle o valor da oralidade (máximo 1 punto) e dos comentarios (máximo 1 punto).
Como regra xeral, a partir do medio punto (incluído) rendondearemos á alza a nota, e por debaixo do medio punto á baixa. Con todo, se alguén non entregase todos os comentarios solicitados ou tivese unha actitude negativa na aula, a súa nota redondearase automaticamente á baixa.
Haberá un exame de recuperación por avaliación. Na 3ª avaliación o exame será un final cun valor do 80% da nota (mantense a nota da oralidade e dos comentarios do curso). Neste exame entrará toda a materia.
A nota final será a nota media das tres avaliacións, con redondeo á alza se a nota da terceira avaliación é igual ou mellor ca a media das anteriores e á baixa se é peor ca a das anteriores.
Na convocatoria de setembro só haberá un exame escrito que se valorará sobre 10 puntos.
ESTRUTURA DOS EXAMES:
- Preguntas 1 e 2: valoraranse cada unha con 1 punto e nelas responderase de xeito breve a algún aspecto de comprensión do texto. Algunhas das posibles preguntas son:
.Resumo do texto
.Tema do texto
.Estrutura do texto
.Intencionalidade do texto (será especialmente interesante que o alumnado comprenda o sentido real do texto, percibindo ironías, presuposicións...)
.Significado concreto no texto dalgunha palabra ou expresión, ou achegamento de sinónimos e antónimos.
.Recoñecemento e descrición de recursos cohesivos gramaticais e léxico-semánticos.
.Descrición do rexistro do texto.
- Pregunta 3: Comentario crítico ou opinión persoal sobre as ideas dun texto. Valorarase con 3 puntos e deberá ter unha extensión de entre 25 e 30 liñas. Para a súa puntuación terase en conta:
.Construción textual: 1 punto. Valorarase a axeitada selección da información, a coherencia discursiva e a organización da información (estruturación do texto)
.Adecuación léxico-gramatical: 1 punto. Valorarase o bo manexo dos recursos cohesivo, tanto gramaticais coma léxicos.
. Corrección ortográfica e gramatical: 1 punto. Valorarase o correcto dominio da ortografía e os signos de puntuación, así como a gramaticalidade das construcións sintácticas e das escollas morfolóxicas, desde o punto de vista do galego estándar.
- Preguntas 4 e 5: serán preguntas breves de fonética, morfoloxía, sintaxe ou dialectoloxía.
- Pregunta 6: Sociolingüística (1 punto)
- Pregunta 7: Literatura (2 puntos). Lembrade que isto non é unha listaxe de obras e autorxs, senón que debe haber unha explicación da súa escrita, das tendencias ou das etapas. A extensión aproximada será un folio por ambas caras.
DESCONTOS POR ERROS ORTOGRÁFICOS
Valorarase a corrección lingüística do exame, polo que sobre a cualificación global poderanse descontar ata un máximo de 3 puntos por erros ortográficos, de coherencia ou de cohesión, de presentación...
Os erros poden ser:
. Moi graves: aquelas solucións que son alleas ao sistema lingüístico do galego (tempos verbais compostos, mala colocación do pronome persoal átono... ) Descontaranse 0,2 puntos.
. Graves: Solucións ortográficas contrarias á norma lingüistica (b/v, y, acentuación diacrítica...) 0,1 puntos.
. Leves: solucións galegas alleas ao estándar vixente (acentuación non diacrítica). 0,05 puntos.







Comentarios
Publicar un comentario