Algúns poemas para ler de Cabanillas

 En pé!

¡Irmáns! En pé sereos
a limpa fronte erguida,
   envoltos na brancura
   da luz que cae de riba,
   o corazón aberto
   a toda verba amiga
   e nunha man a fouce
   e noutra man a oliva,
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira de Galicia,
   ¡cantémo-lo dereito
   á libre nova vida!

   Validos de traidores
   a noite de Frouseira
   á patria escravizaron
   uns reises de Castela.
   Comestas polo tempo
   xa afrouxan as cadeas...
   ¡Irmáns asoballados
   de xentes estranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
E ó pé da enseña da nación galega
   cantémo-lo dereito
   á libertá da Terra!

   ¡Irmáns no amor a Suevia
   de lexendaria historia,
   ¡en pé! ¡En pé dispostos
   a non morrer sen loita!
   ¡O día do Medulio
   con sangue quente e roxa
   mercámo-lo dereito
   á libre, honrada chouza!
¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
¡A oliva nunha man, a fouce noutra,
   berremos alto e forte:
   “A nosa terra é nosa”.

Da terra asoballada, 1917

 

A BASILIO ÁLVAREZ

¡Sementador! O trigo dos beirales
mostra as espigas mestas e douradas,
e as segadoras fouces, afiadas,
teñen tráxico brillo de puñales.

O teu verbo, estalante nos pinales,
troca, ó chegar ás chouzas das valgadas,
os salaios das gorxas abafadas
en ruxidos guerreiros e triunfales

A aldea érguese co craror da aurora
agardando a siñal, e non sosega
en axexo de loita vingadora.

¡Xa a lus do sol do mediodía cega,
sementador! ¡Sementador, xa é hora
de da-lo berro e comenza-la sega!

No desterro, 1913

 

"QUEN NO SEU CORAZÓN..."

Quen no seu corazón non leva un arpa

que saiba das cancións

escoitadas do berce entre os arrolos

e na reixa do Amor?

Quen non garda a memoria, triste ou leda,

dun algo que xa foi

Quen, orfo, sen fogar, abandonado

dos homes e de Dios,

non atopa consolo na lembranza

dun tempo que pasou?

Quen non lle fixo cova no seu peito

a unha morta ilusión?

Eu non sei, eu non sei que nos espera

este mundo deixar,

nin sei o que este diante, o que ha traernos

o escuro mais alo;

mais para ter, cen anos que morrendo

vivira neste chan,

febres no corpo, brétemas na alma

e loitos que chorar,

para ter as feridas sempre abertas .

chega de abondo o que ficou detras!
 

No desterro, 1913

 

 "Mariñeira"

Leste duro. Mar bravo.
Curiscadas da choiva.
A noite vai rubindo
cabaleira na sombra.
As fortes ás tendidas,
inquedadas, sin rumbo, silenzosas,
levadas polo vento
déixanse ir as gaivotas.

Salseada e batida das escumas,
de lombo en lombo das hinchadas olas,
a vela a catro rizos, bolinando,
coa quilla ó descuberto, vai a dorna!
A dorniña pulpeira
durmirá mar afora…
O patrón unha man aferrollada
na caña do timón, outra na escota,
Leva os ollos chantados
nos cons ergueitos da lonxana costa.
Ferve o mar. Brúa o vento…
¡Probe da dorna!

Un refacho asubiante
abate a verga e tronza o palo, as cordas
estalan, e un instante ábrese a vela
e cai a plan no mar…
Galgan as olas
ouvenando roncas, como cans famentos
en asalto dos cons…
¡Probe da dorna!

 Vento Mareiro (1921)

 

 

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Poesía galega de finais do século XX e inicios do XXI (anos 80, 90 e década dos 2000)

A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas