Algúns poemas para ler de Noriega Varela

 

TODA HUMILDE BELLEZA ...

Vago xirón de brétema, atavío  
soberbio da irta xesta, reidora,  
fulgurante doíña de rocío            
(pazo do sol e lágrima da aurora);

raiola de lunar que bica o río,
flor mareliña que entre espiñas chora,
ou das redes da araña un tenue fío, 
toda humilde belleza me namora.

É un vermiño de luz o amigo caro  
do meu nume saudoso... Antes reparo  
na nudez adorable dunha estrela

que nas rosas dos vales, que sorríen,
que nos mantos dos pinos, que se engríen,
que nas blondas do mar, que se rebela 

Do ermo, Noriega Varela, 1920

 

Laverquiña que te axotas
das degaradas gueivotas
oindo o salvaxe berro;
musa, que a mariña extrañas,
olla as azules montañas
¡desde as plaias do desterro!
Esquence o mar, lembra o gado
miúdo, i o regalado
vivir, ¡as tumbadas festas!,
i as cantigas dos pastores,
que fan grinaldas coas frores
amareliñas das xestas. 


Teño amores na montaña
teño moza montañesa,
que ma deparou un santo
no turreiro dunha festa.
Déronlle as rosas de maio
roxa color prás meixelas,
branca, ¡volainiña branca!,
seique inda é máis que as folerpas,
e de folerpos de neve
penso que debeu ser feita,
xa que o sol i as nordesías
no ma logran ver morena.
Teño amores na montaña,
teño unha moza brañega,
que, si cos ollos feitiza,
o corazón me estonteia
c´aquelas palabras doces,
i aquelas surrisas meigas
das nenas repinicadas,
argullo das cumes ermas.
Miña santiña bonita,
¡Dios, que ma deu, ma defenda!,
pois pra min non hai ceio,
si no me caso con ela.
¡Heime casar!; os solteiros
sempre andan nas malas lenguas,
i eu quero vivir con honra,
xa que non teña outra herencia.
Heime casar, ¡non que logo!,
i heime de casar na aldea,
¡miña nai!, por que alí moran
as poucas almas sinxelas,
que sacan o pan da boca
pra socorrer a probeza.
Despois buscarei casiña,
unha casiña tarrea
con cortello, pra criar
dous bacoriños da teta,
¡i a facer pares de zocas!,
que se me canga, abofellas,
millor que escribir en verso
na doce fala gallega.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas

As variedades dialectais da lingua galega

Poesía galega de finais do século XX e inicios do XXI (anos 80, 90 e década dos 2000)