As vangardas en Galicia
A vangarda é un conxunto de movementos artísticos
europeos (1910-1930), con afán de ruptura con todo o anterior, unha
actitude provocativa que se aplica a todos os campos estéticos: pintura,
escultura, música, literatura... Non conciben a arte como imitación da
realidade, senón como nova interpretación persoal desta. En poesía
prescinden dos moldes tradicionais, ordenando os versos a xeito de
caligramas, o poema baséase en imaxes vangardistas.
Os –ismos europeos foron abundantes e pouco duradeiros:
*Futurismo: iníciase coa publicación en 1909 dun
manifesto de Marinetti, no que exalta a violencia e a luxuria, a
velocidade e o maquinismo, a técnica e o progreso. Imprimen aos seus
escritos dinamismo e rapidez verbal, suprimindo adxectivos e adverbios.
*Cubismo: nace como escola pictórica cara a 1907.
Procura a percepción intelectual da realidade descompoñendo os obxectos
en liñas e planos xeométricos que no cadro se presentan recompostos
libremente. Un proceso semellante prodúcese na literatura, mesturando
conceptos ou imaxes, distorsionando a sintaxe e revolucionando a
tipografía cos Calligrammes de G. Apollinaire, poemas nos que se crean "imaxes visuais" grazas á disposición dos versos na páxina.
*Dadaísmo: nace en Zurich en 1916 da man de
Tristán Tzara como repulsa violenta contra a "racionalidade" que
conduciu á devastación e horror da 1ª Guerra Mundial. Rebélase contra a
lóxica e a racionalidade, contra as convencións estéticas e sociais para
liberar a fantasía mediante unha linguaxe mesmo incoherente. As súas
manifestacións públicas son actos provocadores.
*Surrealismo (superrealismo): constitúe a grande
revolución estética e ideolóxica do século XX. Encamíñase a unha
transformación liberadora do home (influencia da psicanálise de Freud:
primacía do soño, a loucura, o inconsciente, a hipnose) dando vía libre
ás manifestacións do subconsciente coa escritura automática, defendendo o
acto gratuíto. O seu primeiro manifesto é de 1924.
*Creacionismo: o seu abandeirado é Vicente
Huidobro, para quen a arte non debe imitar a realidade xa que o poeta é
un pequeno Deus que pode "crear un poema como a Natureza crea unha
árbore". Deste xeito, o poema é unha realidade autónoma froito da
intelixencia (ao contrario do surrealismo), servíndose para isto dos
xogos de palabras e mais das imaxes fundamentadas nunha relación
arbitraria.
As vangardas na Galiza.
É o grupo "Nós" co seu labor restaurador da nosa cultura e a súa
visión universalizadora quen abre as portas á incorporación das
vangardas á literatura galega. Especialmente Vicente Risco, que será
quen informe a Manuel Antonio dos "ismos" europeos e trate de orientalo.
Os vangardistas galegos son mozos nacidos ao redor do ano 1900 que reciben tamén o nome de Xeración do 25,
supoñen unha ruptura e actitude crítica coa poesía anterior: coa
tradición de sentimentalismo (saudade, bágoas, queixas), folclorismo
(romarías, costumes, rural) e paisaxismo do século XIX, e por primeira
vez hai unha integración na poesía europea. Danse a coñecer en revistas
como Alfar, Ronsel, Cristal...
Por un lado podemos atopar -ismos claramente seguidores das modas europeas e por outro movementos especificamente galegos:
1. Surrealismo: Álvaro Cunqueiro: Poemas do si e non (1933),
é unha interpretación moi persoal, co fluír da asociación de ideas e a
influencia dos soños pero cun pouso sentimental, gozoso, sen a carga
dramática que soen ter os textos surrealistas. Tamén se pode ver algo
de cubismo en Mar ao norde (1932).
2. Creacionismo: O seu único cultivador é Manuel Antonio (Rianxo,
1900-1930). Personalidade rebelde que representa o mellor expoñente
vangardista en Galicia. En 1922 publicou o manifesto Máis Alá, novidoso polas alusións políticas e a non adscrición a un –ismo concreto.
A súa obra principal (e única publicada en vida) é De catro a catro. Follas sen data dun diario de abordo (1928).
Son 19 poemas estruturados como unha viaxe marítima, case sempre de
noite, simboliza a súa concepción absolutamente pesimista da vida:
monótona, repetitiva, en completa soidade (como perdido no mar), e
continua despedida.
Poderiamos falar dunha estrutura superficial:
unha viaxe marítima (desde a súa preparación ata a súa finalización, con
parada intermedia) monótona, repetitiva e contraditoria: o tempo pasa
pero está parado, só existe o presente. E unha estrutura profunda: viaxe interior, iniciática; visión desilusionada, negativa, da vida desde a soidade.
-ismos autóctonos ou vangardismo matizado:
3. Hilozoísmo: Foi o movemento poético de máis
éxito na época, con multitude de seguidores. Baixo unha forma
tradicional (non é polo tanto unha vangarda plena) -estrofas populares,
rima asonante, versos medidos, lingua popular- preséntanos, a base de
imaxes vangardistas, unha natureza viva, aberta ao sensorial, ao
auditivo, ao visual, fronte ao sentimentalismo e a anécdota. O poema
deshumanízase e a paisaxe humanízase. O seu iniciador e representante
máis destacado é Luís Amado Carballo (1901-1927), Proel (1927) e O galo(póstumo, 1928). Entre os múltiples seguidores destaca Eduardo Blanco Amor. Segue despois da guerra.
4. Neotrobadorismo: No ano 1928 José Joaquim
Nunes publica as cantigas medievais que acadan unha grande difusión e
provocan a aparición desta corrente que non é propiamente vangarda,
senón unha reformulación de estilos e temas da tradición medieval,
engadindo imaxes da poesía moderna. Tamén continúa despois da guerra.
Podemos distinguir dúas tendencias:
- Unha máis innovadora na que destacanBouza Brey –o seu iniciador- (Nao senlleira, 1933), Álvaro Cunqueiro (Cantiga nova que se chama Riveira, 1933, Dona do corpo delgado, 1950).
- Outra máis mimética que rematará con Xosé María Álvarez Blázquez cando no ano 1953 fai pasar o seu Cancioneiro de Monfero por un verdadeiro cancioneiro medieval.
O manifesto "Máis alá":
Comentarios
Publicar un comentario