Introdución ao século XX
LECTURA DESTA INTRODUCIÓN:
OS COMEZOS DO SÉCULO XX, ÉPOCA DE CAMBIOS.
EUROPA.
Os
primeiros anos do século XX foron unha continuidade das formas de vida do
XIX. Cada potencia europea gozaba dos logros acadados durante a Revolución
Industrial e o colonialismo decimonónico. Mais algúns feitos históricos
relevantes que citamos a continuación provocarán importantes cambios sociais
que se reflectirán na literatura.
1914-1918:
1ª Guerra Mundial. O goberno de
Viena decláralle a guerra a Serbia en xullo de 1914. En agosto, Alemaña (aliada
de Austria-Hungría) decláralla a Rusia (aliada de Serbia) e dous días despois a
Francia (aliada de Rusia). A violación do territorio belga polo exército alemán
fixo que, poucos días despois, Gran Bretaña lla declarase a Alemaña.
A Guerra terá consecuencias a
nivel mundial na economía e na sociedade. Aparecen novas potencias (Xapón e
E.E.U.U.)
1916:
Sublevación irlandesa. Recoñecemento dos nacionalismos. A sublevación
irlandesa de Pascua de 1916 levará á proclamación do Estado Libre Irlandés en
1921.
1917:
Revolución bolxevique. Na URSS ábrese un camiño diferente na creación dos
estados contemporáneos.
1920-1929:
Felices anos 20. No ámbito económico nesta década os países avanzados
gozaron dun extraordinario crecemento económico, iso si, intercalado con crises
pola adaptación dunha economía de guerra á paz. A riqueza, malia o reparto
desigual, chegou a amplos sectores sociais. A publicidade e a venda a prazos
impulsaron o consumismo. Ademais, como reacción ás penurias da posguerra,
desenvólvese un clima de liberación e bohemia.
1929:
A gran depresión. O crack do 29 levou ao afundimento das economías
europeas, sobre todo a alemá, apenas recuperada da ruína ocasionada pola 1ª
Guerra Mundial. Esta depresión puxo fin á bonanza económica e os traballadores
europeos víronse incapaces de manter o seu nivel de vida. Nesta situación
empezaron a expandirse entre a clase obreira europea os ideais comunistas e,
como reacción, para defender os intereses do capitalismo, tamén se espallaron
as ideoloxías totalitarias como o
fascismo e o nazismo.
Como
repercuten na literatura e nas artes estes acontecementos?
Nestes anos os creadores europeos
e americanos inician un camiño anovador e rupturista. Durante moitos
séculos de arte occidental pensárase que as representacións artísticas debían
ser expresión da realidade, dos ideais
relixiosos, políticos e culturais da sociedade en que se desenvolvían. Pero
agora a arte xa non vai imitar a realidade (a
negra realidade), senón que pretende crear unha nova. O subconsciente, o
mundo dos soños e os aspectos psicolóxicos do home convértense en materia
artística. Estamos no inicio das VANGARDAS,
nas que os artistas reflexionan sobre a realidade aparente e sobre a súa propia
existencia, ao tempo que atopan na experimentación e nas novas linguaxes
artísticas o camiño para lograr a comunicación entre arte e vida. Os movementos
de vangarda sucédense de forma vertixinosa na procura de novas vías para
transformar a mensaxe artística. Nesta nova forma de entender a arte como
transformadora da realidade xogan un papel importante a fotografía, o cine, os
avances da psicoloxía, etc.
ESPAÑA
Nos
comezos do século XX España seguía ancorada nas estruturas socio-económicas do
XIX: desigualdade no reparto da terra, deficientes comunicacións, caciquismo,
etc.
A
chegada ao trono de Afonso XIII en 1902, tras a rexencia de Mª Cristina e a
perda das últimas colonias, non supuxo a solución aos problemas que se viñan
arrastrando dende o XIX, máis ben estes fóronse incrementando con numerosos
conflitos –Semana Tráxica de 1909, folga xeral de 1917...- e a ineficacia dos
poderes públicos (entre 1917 e 1923 sucedéronse 14 gobernos).
En
1918 os nacionalistas gañan as eleccións
en Cataluña e no País Vasco, o que animará á expansión do
nacionalismo galego.
Ante
a crise da monarquía parlamentaria, os militares fanse co poder en
1931-1936:
II República. A crecente impopularidade da monarquía levou á chegada da II
República, pero como tampouco esta foi quen de resolver os problemas herdados,
e de novo a conflitividade social mesturada agora coa cuestión relixiosa serviu
de escusa para que os militares se sublevasen contra o réxime democrático
provocando o estalido da Guerra Civil (1936-39) e a posterior
instauración dunha ditadura de case 40
anos.
GALIZA
En Galiza, o primeiro terzo do
século XX é o momento do agrarismo e do nacionalismo, mais tamén da acentuación
da emigración, da aparición do movemento obreiro, da fin da fidalguía e da
aparición dunha burguesía foránea arredor do comercio, a banca e a industria.
AGRARISMO:
movemento social que xorde en 1907 e reivindica a redención dos foros e a
mellora das condicións de vida dos labregos. A axitación campesiña articulouse
en torno aos sindicatos Solidaridad
Gallega, Unión Campesina e Acción
Gallega, liderado este polo crego Basilio Álvarez. A etapa máis
reivindicativa foi entre 1917 e 1922. Os anos en que se formula a doutrina
nacionalista e se estenden as Irmandades da Fala están protagonizados polo
agrarismo organizado.
NACIONALISMO:
En 1916 fúndase da man dos irmáns Villar Ponte a Irmandade da Fala da Coruña.
Dende
Entre
1916 e 1918 as Irmandades viven a transición do rexionalismo ao nacionalismo. E
será neste último ano cando na 1ª Asemblea Nacionalista de Lugo se defina a
liña política. O manifesto desta Asemblea será a base do programa nacionalista
dos anos 20 que recolle como puntos esenciais: a cooficialidade de galego e
castelán e a potenciación do galego no ensino e na cultural en xeral; autonomía
integral para Galiza, que disporía de parlamento e goberno propios; reformas
económicas e sociais para fomentar o desenvolvemento da agricultura, da
industria e das comunicacións para acabar co atraso de Galiza, etc.
En
1919, tras o fracaso electoral nas eleccións de 1918, comezan os conflitos
internos nas Irmandades que se debaten entre dúas liñas de actuación: unha, a
corrente liberal, con Antón Villar Ponte e Peña Novo á cabeza, que propugna a
participación activa na política; a outra, de tendencia tradicionalista e
conservadora, representada por Risco e Losada Diéguez, que defende un activismo
só cultural, non político.
Na
IV Asemblea nacionalista, celebrada en Monforte en 1922 imponse a liña de
Vicente Risco, pese á oposición da Irmandade da Coruña. Un ano máis tarde, a
Ditadura de Primo de Rivera cancelará de vez as estratexias do nacionalismo
galego e empurrará os seus dirixentes ao traballo intelectual e cultural
exclusivamente.
Entre
1929 e 1931, nas condicións da fin da Ditadura e da chegada e da República, o
nacionalismo galego reactívase coa aparición de grupos que confluirán en decembro de 1931 no Partido Galeguista
liderado por Castelao e Alexandre Bóveda.
E a literatura que? Nos últimos anos do
século XIX e primeiros do XX houbo un baleiro literario, aínda que se
produciron fenómenos como a creación da Real Academia Galega (1906) ou a
expansión do movemento agrarista. Mentres, noutras latitudes os movementos de
vangarda atoparon nas cosmópoles de París, Berlín, Madrid, etc., un caldo de
cultivo apropiado para as súas propostas iconoclastas, aquí atoparon un país
sen grandes cidades nas que desenvolver ese
espírito, e un público postrado no analfabetismo, a explotación e o
caciquismo que todo o máis que admitía eran manifestacións folclóricas. Así, o
período que media entre 1890 e 1913 (data de publicación de No desterro,
de Ramón Cabanillas) supón un considerábel estancamento do proceso de recuperación
literaria e lingüística iniciado no Rexurdimento Pleno (1863-1890). Os
escritores de “entre dous séculos” son ecos dunha tradición que os ten
encorsetados e móvense entre o historicismo profético na liña pondaliana, o
costumismo populista esbozado por Rosalía en Cantares Gallegos e a liña
social de Curros, sen nunca chegar á altura dos mestres.
Así as cousas, vemos como o propio Risco pon
como exemplo de escritor galego a imitar a Valle-Inclán, e Manuel Antonio, no
manifesto “Máis Alá!”, de 1922, fala tamén da influencia arrasadora deste sobre
un sector importante da mocidade culta do país aos que denomina “pollitos
bien”, que abrazando o modernismo abandonaran a escrita en galego. Algúns deses
“pollitos bien” (Risco ou Otero) xa voltaran por entón ao galego, outros, como
Fernández Flórez ou Julio Camba, non.
Non
debe, pois, estrañarnos nestas circunstancias que a superación do Rexurdimento
e a integración das correntes literarias europeas non se inicie ata 1913 con
Cabanillas. Pero han ser as Irmandades da Fala as catalizadoras non só da
recuperación do idioma, senón tamén dun relanzamento da cultura galega.
COORDENADAS
HISTÓRICO-SOCIAIS. APARICIÓN DO NACIONALISMO.
O
estudo da literatura galega non se pode desvencellar das coordenadas histórico
sociais nas que se foi desenvolvendo. Tratar da literatura galega do século XX
leva inmediatamente a trazar unha liña divisoria entre a literatura galega
realizada antes do 36 e a que aparece na época da ditadura. De aí a importancia
de termos en mente os acontecementos históricos máis importantes desta época.
Os
primeiros anos do século en Galiza caracterízanse socialmente pola aparición do
proletariado, a consolidación da burguesía de carácter foráneo e a desaparición definitiva da fidalguía.
EXERCICIOS:
1.- Despois de ler esta introdución, procura
lembrar os feitos históricos relevantes que ocorreron no mundo nas seguintes datas do século XX: 1914, 1916,
1917 e 1929.
2.- Fai o mesmo coas seguintes datas, pero agora
referidas a feitos históricos ocorridos en España: 1909, 1917, 1918, 1923,
1931, 1936.
3.- Que
acontecementos ocorren en Galicia en 1907, 1916
e 1931 ?
Comentarios
Publicar un comentario