O galego no primeiro terzo do século XX: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.



 Ademais dos vosos apuntamentos, tedes aquí outra aproximación:

https://www.ogalego.eu/exercicios_de_lingua/exercicios/selectivolingua1_archivos/2017/socio4.html :

 

Durante o século XX avanza o proceso de recuperación cultural iniciado no XIX e o galego comeza a usarse en ámbitos dos que desaparecera ou nunca estivera presente (narrativa, ensaio, discurso político, correspondencia privada...) ata chegar ao recoñecemento oficial na democracia, pero asemade descende preocupantemente o seu uso como medio de comunicación social.
Se nos centramos no primeiro terzo deste século, hai que destacar:

1. Aa creación das Irmandades da Fala no ano 1916, ligadas ao nacemento do nacionalismo, e que teñen como finalidade a utilización exclusiva do galego en todo tipo de actos e escritos así como impulsar a narrativa (sobre todo breve) e o teatro.

2. O Grupo Nós estende o uso do galego a todos os xéneros literarios e será a responsábel da revista Nós, escrita integramente en galego.

3. No 1923 constitúese o Seminario de Estudos Galegos, formado por universitarios que investigan Galicia desde diferentes campos: histórico, social, político...

4. A última institución importante da época é o Partido Galeguista, no que militarán durante a II República personalidades como Castelao ou Bóveda, quen redactará un Estatuto de Galicia, no que se inclúe –entre outras cousas- o ensino do galego e en galego; aprobado en xuño de 1936 non poderá entrar en vigor ao iniciarse a guerra civil poucos días despois pero propiciará a consideración de Galicia como nacionalidade histórica (xunto con Cataluña e Euskadi) ao instaurarse a democracia en 1978.

Outras iniciativas dignas de ser citadas son as editoriais Lar, Nós ou a publicación de diferentes estudos lingüísticos.
Fronte a esta emerxente situación cultural, o seu uso como vehículo de comunicación segue o camiño oposto: aínda que continúa a ser moi maioritaria no país (lingua única de aproximadamente o 90% da poboación, as clases baixas galegas), acelérase o proceso de substitución polo castelán, que avanza como lingua de relación habitual, mentres o número de falantes monolingües en galego vai descendendo. Como causas deste proceso podemos citar o aumento da urbanización, a aparición da radio e o maior índice de alfabetización, realizada exclusivamente en castelán.
Finalmente, no que se refire á lingua utilizada na escrita, non existe aínda un modelo único, continúan os intentos de crear unha norma (lembremos que se publican algúns dicionarios e gramáticas). Hoxe coñecemos este período como galego enxebrista ou diferencialista, porque a intención dos escritores é marcar a diferenza co castelán, deixar patente que son dúas linguas independentes, para o cal elixen o portugués como modelo, e esfórzanse por limpar a lingua de castelanismos, utilizando arcaísmos, lusismos, hipergaleguismos ou pseudoevolucións.

 












Neste período que vai dende o 1900 ata a Guerra Civil de 1936/39, continúase o labor dignificador da lingua galega iniciado no século anterior grazas a unha serie de iniciativas orientadas a superar os moitos atrancos cos que se atopaba a cultura galega.

En 1906 fúndase a Real Academia Galega (RAG), unha iniciativa dos intelectuais decimonónicos e que se fará realidade a principios do século XX con dous claros obxectivos: a elaboración dun dicionario e unha gramática.

Coa aparición das Irmandades da Fala (1916) prodúcese un salto cualitativo no emprego do idioma a nivel cultural e o galego utilizarase nos actos públicos, no xornalismo, no ensaio político, nos textos científicos... Creadas para a defensa, dignificación e cultivo do idioma, tiveron o seu momento cume en 1918 na celebración da "I Asemblea Nazonalista Galega" onde, sen abandonar o obxectivo lingüístico, formulan un plan máis amplo de recuperación política, social e económica de Galicia que se resume en dous grandes obxectivos: autonomía para Galicia e o galego lingua oficial.

En 1920 xorde en Ourense a revista "Nós", integrada por Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, e que conta coa colaboración de Lousada Diéguez, Castelao e outros e que pretende servir de canle de expresión para a posta ao día e potenciación da cultura galega ata entón moi localista e excesivamente marcada pola lírica, o ruralismo e o costumismo. Para actualizar, normalizar e universalizar a cultura galega, os homes de "Nós" acollen nas súas páxinas colaboracións de autores estranxeiros, traducións, informacións e noticias do que se facía noutras literaturas, e ademais tamén se preocupaban da arqueoloxía, antropoloxía, filosofía, música..., demostrando na práctica a validez do galego para todo tipo de ámbitos, algúns dos cales lle estaban totalmente vedados como o ensaio, a lección universitaria, o discurso político, o tratado científico, a tribuna oratoria...

Precisamente, coa creación en 1923 do Seminario de Estudos Galegos vaise potenciar o uso do galego na prosa científica e técnica. O Seminario vai poñer de manifesto a preocupación dun sector do mundo universitario por Galicia, que será obxecto de investigación como fenómeno natural, histórico, social, político, cultural, etc.

Coa instauración da República (1931), o galeguismo vaise reagrupar en torno ao Partido Galeguista que pretenderá conseguir a autodeterminación política para Galicia, e que se verá materializada na elaboración do Estatuto de Autonomía do 1936, que recollía no seu articulado a cooficialidade de galego e castelán na Administración e un ensino bilingüe nas escolas primarias que en niveis superiores se centraba en impartir Lingua, Historia e Literatura Galegas. Por vez primeira, despois de catro séculos, o galego parecía recuperar algunhas cotas de oficialidade.

Desta etapa podemos destacar algúns estudos lingüísticos, entre outros: Dicionario galego castelán (1928) de Leandro Carré Alvarellose Gramática do idioma galego (1922) de Manuel Lugrís Freire.

Non obstante, esta rehabilitación social do idioma coincide cunha perda porcentual de falantes monolingües en galego e o inicio dunha extensión social da diglosia. Por unha banda, o sistema de ensino que emprega o castelán como lingua única e que reprime o galego en calquera situación escolar. Por outra banda, a sangría da emigración levou fóra de Galicia a milleiros de persoas que tiñan o galego como lingua inicial. Estas circunstancias, xunto co transvasamento demográfico do rural ao urbano provoca que o proceso de recuperación de ámbitos de uso iniciados a principios de século se vexa seriamente danado.

A nivel lingüístico, o contacto co galego medieval a raíz das edicións e publicacións de documentos, cantigas e textos en prosa unido ao desexo de depuración e á necesidade de cubrir os baleiros léxicos do galego patrimonial levaron a que, cada vez máis frecuentemente, aparecesen formas arcaicas. Tamén se produce un achegamento ao portugués a onde se van buscar as referencias para a solución de problemas léxicos ou morfolóxicos. Así, o galego dos escritores deste primeiro terzo do século é un galego que a penas está marcado dialectalmente e no que se adoptan solucións tomadas da tradición literaria ou ben restauradas do portugués, o que dará orixe a numerosos arcaísmos e lusismos. Por outra banda, o diferencialismo en relación co castelán e a busca da pureza idiomática provocarán os hipergaleguismos e a pseudoevolución, configurando dese xeito un galego afastado da práctica falada normal, arbitrario e como de laboratorio, que continuará con certa vixencia posteriormente á Guerra Civil.



Comentarios

Publicacións populares deste blog

A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas

As variedades dialectais da lingua galega

Poesía galega de finais do século XX e inicios do XXI (anos 80, 90 e década dos 2000)