Traballamos os textos (VI)

 


Inmaculada Echevarría é unha muller de 51 anos que padece distrofia muscular progresiva. Isto supúxolle vivir os últimos dez anos conectada a un respirador; pediu ser desconectada para morrer dignamente, pois di que non ten medo á morte.

O particular do seu caso é que está hospitalizada nun centro relixioso andaluz, o Hospital de San Rafael, que leva a orde de San Juan de Dios. O equipo de bioética do centro e o comité de ética asistencial da orde relixiosa analizaron o caso e decidiron acceder á petición, como xa o fixera a Comisión de Ética de Andalucía. Consideran “de forma inequívoca a ausencia de obxeccións de carácter ético” na petición de Inmaculada e a súa “adecuación ao dereito”, segundo nota feita pública. Aseguran que todo se vai realizar co máximo respecto á paciente, nos aspectos técnicos, humanos e morais.

Pero os cardeais Antonio Cañizares (Toledo) e Carlos Amigo (Sevilla) non ven así as cousas, e chegaron a cualificar o feito de “eutanasia ilexítima” e homicidio, “ un atentado contra a dignidade humana”. En troques, outros relixiosos como o prestixioso teólogo xesuíta Juan Masiá, especialista en boiética, pensan que a decisión está de acordo coa “máis tradicional moral católica”; por iso manifestou que hai que dicirlles a estes cardeais “que repasen a súa teoloxía moral”, porque “o que mata é a enfermidade, non a retirada do soporte que prolonga artificialmente a agonía”.

Así me parece a min, que levo na miña carteira un testamento vital -que fixo en tempos a mesma Conferencia Episcopal- no que asino que, aínda que a vida material é un don de Deus, “non é o valor supremo”, acábase antes ou despois; polo que pido que “non se me manteña nela por medio de tratamentos desproporcionados” (o que se ten chamado encarnizamento terapéutico) e tamén que se me apliquen medios “adecuados para paliar os meus sufrimentos”. Non é o mesmo “matar por misericordia” como facía aquela enfermeira chamada Anxo da Morte, que manter a unha persoa artificialmente unida a unha vida que xa non ten unha calidade digna. Deus é misericordia compasiva.

 

                                                      Victorino P. Prieto, La Voz de Galicia.

 

 

1.- Di cal é o tema do texto

2.- Fai un resumo do texto

3.- Elabora  un esquema das ideas do texto.

4.- Analiza a estrutura do texto.

5.- Dá o significado que teñen as seguintes palabras: petición (l.6), homicidio (l.12), teólogo (l. 13), cardeal (l.15), paliar (l.21).

6.- Expón a túa opinión  persoal sobre a eutanasia.  (25-30 liñas)

 

 

Comentarios

Publicacións populares deste blog

A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas

As variedades dialectais da lingua galega

Poesía galega de finais do século XX e inicios do XXI (anos 80, 90 e década dos 2000)