O artigo

 


O artigo é unha clase de palabras, carentes de significado propio, que precede sempre ao substantivo -ou a outra palabra ou sintagma substantivado- delimitando o seu significado:

Artigos determinados:o,a,os,as.

Artigos indeterminados: un, unha, uns, unhas.

O artigo ten función actualizadora (que significa que restrinxe o significado do substantivo, ex. "A casa azul é a miña") e función substantivadora (que quere dicir que fai que o elemento que o segue -adxectivo, numeral, verbo, adverbio, etc.- cumpra as funcións propias do substantivo, ex. "A azul é a miña"). 

As segundas formas do artigo ou alomorfos son lo, la, los, las. 

Só é obrigatorio o uso da segunda forma do artigo coa preposición por e co adverbio interrogativo u:

      Véxoo vir polo camiño

      U-los dicionarios?

As segundas formas do artigo poden non ser empregadas na escrita, mais cómpre facelo na fala, pronunciando os elementos unidos:

Erguemos o sofá/ (leremos: erguémolo sofá)

Os artigos determinados contraen coas preposicións a, de, con, en, por e tamén coa conxunción comparativa ca.

a: Xoán foi xogar á Laracha.

de: É Marcos do Carracedo.

con: Xoguei coa pelota: co, coa, cos, coas

en: Meteu o zapato no burato.

por: Marcharon polo río embaixo.

ca: É máis fermoso (ca+o) teu (cá túa).

 

Os artigos indeterminados contraen coas preposicións con, de, en.

a: Foi a unha casa rural.

de: Fálame dunha novela negra sueca.

con: Estaba á parola cunha amiga da infancia.

en: Vive nunha desas casas.

por: Roi foi por un computador novo.

ca: Fala máis ca unha lercha.

Non obstante, os artigos determinados e os indeterminados non contraen se a preposición e o artigo non forman parte da mesma frase nominal: No caso de un veciño estar en desacordo, pode efectuar a correspondente reclamación.

 

O artigo non se pode empregar nos seguintes casos:

En vocativos e aposicións apreciativas: Mira, meu fillo, déixocho alí.

Cando hai un demostrativo ou un indefinido diante dun substantivo: Esta bicicleta é miña.

O artigo é obrigatorio:

A regra xeral di que é obrigatoria a presenza do artigo ante o posesivo: vémonos na miña casa.

Agás:

Cos nomes de parentesco ou cando o posesivo determina claramente ao substantivo: Falei con túa irmá. Meu amor é para ti. Tamén nestes casos é posible a presenza do artigo (Falei coa túa irmá. O meu amor é para ti).

Cando o posesivo integra unha fórmula de tratamento: Súa Excelencia.

Unha expresión de carácter relixioso (Noso Señor, Nosa Señora...).

Cando o posesivo forma parte dun vocativo: Meu rei, onde estás?.

En certas expresións e frases feitas: Meu dito, meu feito. Nestes casos, tamén son admisibles as construcións con artigo (Pola miña vontade).

Cando o posesivo vai precedido dun demostrativo: Ese teu fillo é listo coma un allo.

En enunciados nos que aparece un distributivo: Viñan cada un con súa entrada. Nestes casos, aínda que é admisible a presenza do artigo, se esta se produce resulta redundante: Viñan cada un coa súa entrada. Tamén é correcto: Traían cadansúa entrada.

  En galego existe ademais a forma el, que é un arcaísmo pouco empregado e de uso restrinxido ás palabras Rei e Señor.

El Señor, con grande concurso de fieis, visitou solemnemente o pazo.

 (Otero Pedrayo, O fidalgo)

 

EXERCICIOS DE REPASO 

http://aprendogalego.com/apgal_fin/3-artigofin/exercicios.html

http://aprendogalego.com/apgal_fin/3-artigofin/artigo_ou_pronome.html

https://www.ogalego.eu/exercicios_de_lingua/solucions/morfoloxia/artigo/1.htm 

https://www.ogalego.eu/exercicios_de_lingua/solucions/morfoloxia/artigo/2.htm 

https://gl.wikibooks.org/wiki/Exercicios_de_morfosintaxe_en_lingua_galega/artigo

Comentarios

Publicacións populares deste blog

A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas

As variedades dialectais da lingua galega

Poesía galega de finais do século XX e inicios do XXI (anos 80, 90 e década dos 2000)