O posesivo
Os posesivos indican unha relación con algunha das tres persoas gramaticais participantes no acto comunicativo. Esa relación pode concretarse en varios sentidos, entre eles o de posesión ou pertenza.
Morfoloxicamente, o posesivo concerta co substantivo en xénero e número; é dicir, coa cousa posuída e non co posuidor (Xoel tocou coa súa guitarra).
Sintacticamente cumpre as funcións de: actualizador (O meu tío é doutor), modificador (Ese can teu é moi listo) ou atributo (Este vehículo é seu).
omo regra xeral o posesivo anteponse ao substantivo; neste caso esixe a presencia do artigo: O meu can non volveu. Excepción a esta norma son os posesivos de respecto mi, tu, su, noso/a, voso/a (mi padre) e naqueloutros casos que establece o uso do artigo.
Oposesivo pode ir posposto ao substantivo nos seguintes casos:
Cando o substantivo vai precedido dun interrogativo: ¿Cantos compañeiros nosos cres que irán?
Cando vai precedido dun indefinido: Algúns compañeiros nosos non irán.
Cando vai precedido dun artigo indeterminado: Foron connosco uns compañeiros nosos.
Cando vai precedido dun demostrativo: Estes compañeiros nosos tamén irán.
Por razóns de énfase: O compañeiro voso non irá.
Cos adverbios de lugar, de+pronome persoal pode ser substituído pola forma feminina singular do posesivo: Viña diante de min= viña diante miña.
En galego existen construcións con "de + posesivo masculino singular" que marcan unha relación de propiedade exclusiva: Ten coche de seu. Vivía en casa alugada, pero agora ten casa de seu.
Estas formas analíticas tamén poden asumir o valor de "por si mesmo", "por natureza», "en por si»: Sabel é puntual de seu.A nosa lingua articulou unhas formas específicas para expresar valores posesivos e distributivos, que equivalen á construción (a) cada un seu...: Mercoulles cadanseu balón aos seus fillos. Son as formas cadanseu- cadanseus- cadansúa- cadansúas.
As formas do posesivo distributivo sempre deben aparecer diante do elemento posuído: As nenas levaban cadansúa bicicleta.Ademais de expresar posesión ou pertenza, os posesivos poden presentar os seguintes valores:
Relación de familiaridade e afecto: O noso Ramón escordou un pé.
Os meus, os teus... adquiren o valor de “A miña (a túa...) familia”: Os meus están en Vigo.
Valor aproximativo ou ponderativo, cando son usados con numerais ou
substantivos referidos a diñeiro, anos, metros, etc: O taxista tería ben os seus corenta anos.
Posesivo de modestia, cando se emprega noso(s), nosa(s) por meu(s), miña(s) para evitar a referencia directa á primeira persoa: O noso traballo sobre Portugal artéllase en tres partes.
Acción habitual nunha persoa: Despois de xantar sempre tomo o meu café.
Bastante, boa cantidade: Non bebas máis, que xa bebiches o teu.
O que é propio ou natural de alguén: O meu non é o debuxo.
O que adoita facer ou dicir alguén: Xa andan os do lado a facer das súas.
O que lle corresponde a alguén: Agora seguide vós, que eu xa fixen o meu.
EXERCICIOS DE REPASO:
https://www.ogalego.eu/exercicios_de_lingua/exercicios/morfoloxia/posesivo.htm
http://aprendogalego.com/apgal_fin/3-artigofin/repaso_terico_e_exercicios.html
http://aprendogalego.com/apgal_fin/3-artigofin/exercicio_2.html
https://gl.wikibooks.org/wiki/Exercicios_de_morfosintaxe_en_lingua_galega/posesivo
http://aprendogalego.com/apgal_fin/3-artigofin/exercicios_de_repaso.html

Comentarios
Publicar un comentario