O pronome persoal
Formas tónicas:
| 1ª persoa | 2ª persoa | 3ª persoa | ||||
| Suxeito | Con prep. | Suxeito | Con prep. | Suxeito | Con prep. | |
| Singular | Eu | Min Comigo |
Ti Vostede |
Contigo Ti, Vostede |
El / Ela | Si Consigo El, Ela |
| Plural | Nós Nosoutros Nosoutras |
Connosco Nós Nosoutros Nosoutras |
Vós Vosoutros Vosoutras Vostedes |
Convosco Vós, Vosoutros, Vosoutras |
Eles / Elas | Si Consigo Eles, Elas |
Sobre o uso destas formas, debes de ter en conta o seguinte:
- As formas vostede e vostedes, aínda que son de 2ª persoa (refírense a quen escoita) concordan co verbo en 3ª porque son formas de cortesía: Vostede é moi amábel ao dicir iso.
- As formas nosoutros/as e vosoutros/as teñen carácter máis restritivo ca nós e vós, refírense a un grupo do que se exclúe a todos os que non pertencen a el (no grupo de aula, por exemplo, “nosoutros” poder referirse só ao alumnado e “nós” incluiría tamén o profesor: Profe, a nós tócanos ir agora pero nosoutros preferimos ir mañá).
- As formas do pronome de 3ª persoa el (es) /ela (s) contraen obrigatoriamente coas preposicións en e de: Del non me fío, dela si.
Formas átonas
| 1ª persoa | 2ª persoa | 3ª persoa | ||||
| C. Directo | C. Indirecto | C. Directo | C. Indirecto | C. Directo | C. Indirecto | |
| Singular | Me | Te | Che | O (lo, no) A (la, na) Se |
Lle |
|
| Plural | Nos | Vos |
Os (los, nos) As (las, nas) Se |
Lles | ||
Sobre o uso destas formas debes reparar en:
- Cando van colocadas despois do verbo escríbense pegadas a el, formando unha soa palabra a nivel de acentuación. Así, por exemplo: Díxome que non viña.
- As formas que usamos para o complemento directo na 3ª persoa son o, a, os, as, mais alternan coas outras variantes do seguinte xeito:
- As formas lo, la, los, las empréganse despois de formas verbais conxugadas rematadas en –s, despois de infinitivo ou despois dos pronomes nos, vos e lles.
- As formas no, na, nos, nas empréganse despois de formas verbais rematadas en ditongo.
Fíxate:
- Cando na mesma secuencia coinciden dúas formas átonas (unha de
C. indirecto e outra de C. directo) sempre vai primeiro a de C.
indirecto e ademais fórmanse as seguintes contraccións:
| O | A | OS | AS | |
| ME | mo | ma | mos | mas |
| CHE | cho | cha | chos | chas |
| LLE | llo | lla | llos | llas |
| NOS | nolo | nola | nolos | nolas |
| VOS | volo | vola | volos | volas |
| LLES | llelo | llela | llelos | llelas |
A colocación dos pronomes átonos
Como dixemos antes, ás veces os pronomes átonos van colocados despois
do verbo (e escríbense pegados a el) e outras van colocados antes. Pero
isto non é optativo, existen unhas regras que son as que rexen esta
posición; unhas regras que traen de cabeza aos que non están acostumados
a falar en galego, mais que non supoñen ningún problema para a maioría
dos falantes porque xa os usan ben de seu, sen necesidade de estudaren
ningunha regra. Con todo, para quen as precisar, estas son as máis
básicas:
Xeralmente o pronome vai colocado despois do verbo pero hai unha serie de situacións que obrigan a colocalo antes:
- Cando a secuencia comeza por “que” ou “porque”.
Compara: Seino eu
É así porque o sei eu
- Nos enunciados negativos:
Compara: Déixocho ver
Non cho deixo ver
- Nas cláusulas desiderativas:
Compara: Vereite pronto
Oxalá te vexa pronto
- Cando antes do verbo hai un adverbio (aínda que hai bastantes excepcións):
Compara: Avisáracho
Xa cho avisara
- Cando antes do verbo hai un pronome interrogativo ou exclamativo:
Compara: Queríao!
Canto o quería!
- Cando antes do verbo hai algún pronome indefinido:
Compara: Quérenlle ben
Todos lle queren ben
- Nas perífrases verbais ten liberdade de colocación:
Heicho de dar
Hei de cho dar Hei darcho
Sen
dúbida, a colocación dos pronomes é unha das maiores dificultades que
existen para quen quere expresarse en galego, mais é un dos aspectos que
máis debemos coidar porque serve para definir o nivel de lingua que
posúe unha persoa. É certo que se cadra ao principio hai que tirar de
regras para facelo medianamente ben e isto resulta pesado, mais tamén
é verdade que se se fai chegará o momento en que xa se colocará ben de
forma natural (xa sabedes que a falar apréndese falando).
Pronome de solidariedade
Observa o pronome de solidariedade nestas expresións populares:
Tanto che me ten.
Non che está o forno para bolos.
As formas son iguais ás da 2ª persoa do CI:
Un interlocutor: che (tratamento familiar), lle (tratamento de cortesía)
Varios interlocutores: vos (tratamento familiar), lles (tratamento de cortesía).
Observa este diálogo:
- Veño buscar a Brais.
- Pois síntoo, pero non che está. (tratamento familiar)
- Pois síntoo, pero non lle está. (tratamento de cortesía)
O pronome de solidariedade pode combinarse con outros pronomes átonos (CD ou CI):
- Ao meu fillo morréuchelleme unha vaca.
Dativo de interese
Indica a persoa que ten un interese especial na acción que expresa o verbo porque recibe un beneficio ou prexuízo.
As formas son iguais ás do CI: me, che, lle, nos, vos, lles.
Pode combinarse co CI e co dativo de solidariedade : Este neno cómecheme ben.
- Ao meu fillo morréuchelleme unha vaca.
A orde de colocación dos pronomes é a seguinte:
Primeiro vai o pronome se, logo o pronome de solidariedade, despois o complemento indirecto e por último o complemento directo.
Valores de SE
- Valor reflexivo: indica a coincidencia entre o axente e o paciente da acción verbal. Exemplo: Manolo peitéase con coidado.
- Valor recíproco: Indica dous ou máis suxeitos executando e recibindo simultaneamente a acción verbal. Exemplo: Os gatos aloumiñábanse con tenrura.
- Valor pronominal: O se acompaña a verbos que necesitan o pronome para manter o seu significado; forma parte do verbo. Exemplo: queixarse, arrepentirse, inmutarse...
- Valor impersoal: O se é marca de impersonalidade en construcións que carecen de suxeito. Só se emprega con verbos en 3ª persoa de singular (non admite o plural). Equivale a ‘alguén / hai persoas que / hai quen’. Exemplo: Dise que o mercado financieiro está en crise (Alguén di...).
- Valor de pasiva reflexa: A diferenza das impersoais con se, as pasivas reflexas si que teñen un suxeito que concorda co verbo. Aparecen co verbo en singular ou en plural, pero sempre en voz activa (fronte á pasiva normal) e non levan o C. Axente. O pronome persoal se enmascara a identidade do axente. Ex. Véndese unha casa en Lousame / Véndense casas en Tui.
EXERCICIOS DE REPASO:
http://cotovia.org/proxecto/exe/exe_mor_50.html?orix=mor&tare=&tema=mor_ud4_01.html
https://www.ogalego.eu/exercicios_de_lingua/exercicios/morfoloxia/pronome.htm
http://aprendogalego.com/apgal_fin/4-pronomebac/pronome_persoal.html
Comentarios
Publicar un comentario