Traballamos os textos (IX)
Un enorme círculo vermello e un H maiúsculo, seguido dun signo de exclamación. Esa foi a maneira na que contestaron a miña primeira solicitude dunha proba diagnóstica, o meu primeiro día como médica residente. A petición poñía: “Inchazón en membro inferior esquerdo, sen evidencia de traumatismo previo. Solicito descartar fractura”. Á radióloga debeulle parecer tan mal aquela falta de H, que nin se molestou en comprobar un coñecemento que, por outra banda, debeu acreditar para ocupar a súa praza.
Despois, virían centos de explicacións, cuestionamentos e comentarios, case sempre por parte de compañeiros, e non de pacientes. Respondín tantas veces á pregunta “e ti, por que falas galego?”, que xa teño unha expresión e unha resposta automática preparada. Sempre contesto: “e por que non?”, cun sorriso imperturbable. Que a inmensa maioría dos pacientes da miña área falen galego, que case todo o persoal o empregue como lingua habitual, que me negue a empregar a lingua como marca de clase que me diferencia das persoas ás que trato... todos eses non parecen ser motivos suficientes, nin suficientemente obvios. Ten que existir outro motivo, oculto e inconfesable, para empregar unha opción diferente á non marcada. Presentar unha sesión clínica ou escribir un informe de alta, xa non digamos un informe xudicial, en galego, tamén semellaba traer múltiples problemas, aínda que finalmente non pasaba nada.
Posiblemente, ningunha das persoas que fan esas preguntas teñen unha postura consciente en contra do galego. A radióloga que contestou aquela petición fíxoo por pura e simple ignorancia, non por malicia. Porén, a pregunta, “por que falas galego?” cobra un significado moi concreto á luz de todos estes detalles cotiáns. Por unha banda, por que falas galego sendo médica, tendo unha profesión de prestixio social? Quen pregunta ten unha noción inconsciente de que a lingua do coñecemento, da ciencia e do prestixio non é o galego. Por outro, por que falas galego, a pesar das múltiples, pequenas e incómodas trabas que che poñemos entre todos diariamente? Por que a estratexia de desalento que tan ben funciona está fallando?
En medicina, traballamos analizando síntomas e signos superficiais que desvelan patoloxías máis profundas. Aquel círculo vermello era o primeiro síntoma observable dun trastorno co que todas/os as/os que falamos galego loitamos cada día.
Iria Veiga (Médica psiquiatra do SERGAS).
1.- Indica e clasifica TRES procedementos distintos de cohesión que aparecen no primeiro parágrafo do texto.
2.- Dá o significado das seguintes palabras ou expresións: proba diagnóstica (l.2), traumatismo (l.4), obvios (l.13), cotiáns (l. 19), patoloxías (l.23)
3.- Localiza todos os pronomes persoais átonos que hai no texto, indica a súa función sintáctica e xustifica a súa colocación.
4.- Elabora un comentario crítico das ideas do texto
Comentarios
Publicar un comentario