Historia da normativización: a construción da variedade estándar. Interferencias e desviacións da norma

 


Todas as linguas presentan unha forte tendencia á diversidade, especialmente no plano oral. A existencia dunha variedade estándar -a que se usa nos ámbitos formais, a que se describe nas gramáticas- contribúe a frear esa dispersión.

A variedade estándar, tamén chamada lingua padrón, é aquela que se acepta como modelo de lingua común e correcta, válida para usos formais e niveis medios e cultos. É a lingua que se utiliza na escola, nos medios de comunicación, nas institucións que organizan a vida política e administrativa. É a variedade que representa (e unifica) as outras posibles variedades dunha lingua (dialectais, contextuais e socioculturais).

A variedade estándar é imprescindible para unha lingua que queira desempeñar todos os papeis comunicativos dunha sociedade complexa como a actual: desde os usos íntimos e informais ata os usos cunha dimensión pública, que esixen un nivel culto e un rexistro formal.
 
 O galego, lingua de reis e dos cancioneiros medievais, tardou en contar cunha variedade estándar, o que se coñece co nome de normativización lingüística: fixación dunha ortografía, unha gramática e un dicionario que sirvan de modelos cultos a imitar.
A maioría das linguas romances fixeron este labor durante a Idade Media, cando o galego comezara xa a sufrir o proceso de minorización, convertida só na lingua oral do pobo, polo que a nosa lingua non emprendeu esa tarefa –imprescindíbel para a súa normalización social- ata o século XIX, cos autores do Rexurdimento.
 
Neste proceso de normativización podemos sinalar catro etapas:
a) Galego popularizante (ata fins do século XIX: Rosalía, Curros...). Non existe realmente unha intención normativizadora (Pondal foi o único autor consciente da súa necesidade), utilizan o galego oral no seu rexistro popular (o que se conservara), cheo de vulgarismos, castelanismos e dialectalismos.
A tradición escrita do galego moderno arrinca de mediados do século XIX e desde ese momento xa se poden aprezar dúas tendencias acerca do que debe ser o galego estádar:
·      Unha tendencia que poderiamos chamar etimolóxica ou cultista caracterizada por tomar como referencia para a ortografía do galego e a adaptación de cultismos a etimoloxía latina. Algúns escritores que practicaron esta tendencia foron Eduardo Pondal e Xoán Vicente Viqueira.
·      Outra tendencia que poderiamos chamar popularizante, caracterizada por intentar tomar como referencia o galego oral popular, moitas veces vacilante en canto ás solucións ortográficas, léxicas e sintácticas e con moitas interferencias do castelán. Algúns escritores que seguen esta liña son Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez.

Porén, o que axiña queda claro é que para escribir en galego non é suficiente a ortografía do castelán: os escritores son conscientes de que hai sons que non existen en galego, encontros vocálicos, diferenza entre sílabas tónicas e átonas, etc. Estas dificultades son superadas coa utilización profusa de apóstrofos, acentos graves, agudos e circunflexos, guións...

En definitiva, nesta primeira etapa non se chega a facer ningún acordo para a escrita do galego. Cada escritor vai consolidando un modelo de lingua máis ou menos fiel á súa variedade local e sen criterios establecidos para a adaptación de cultismos ou a representación de particularidades fónicas do galego. Con todo algunhas solucións acaban impoñéndose: o grafema x tanto para /∫/ (peixe) como para /ks/ (excelente), o dígrafo nh para /h/ (algunha), a utilización de apóstrofes para representar os encontros vocálicos (Lugar máis hermoso/ no mundo n´achara/ qu´aquel de Galicia/ ¡Galicia encantada!).
 
b) Galego enxebrizante (ata 1936: Irmandades da Fala...). Os autores comezan a sentir a necesidade dunha norma escrita e inclinaranse por un modelo diferencialista, que marque distancias co castelán. As características máis salientábeis son:
- Busca dun galego supradialectal, non o dunha zona concreta.
- Eliminación de castelanismos, moi abundantes na fala
- O portugués é de algunha maneira o seu modelo de lingua culta na escrita.
 
A primeira tentativa de establecer unhas bases para a estandarización da lingua parte do Seminario de Estudos Galegos en 1933: Algunhas normas pra a unificazón do idioma galego. Entre os seus acertos, esta proposta logra poñer orde na adaptación de cultismos, que na época era bastante caótica, pois moitos escritores utilizaban adaptacións extravagantes (pseudoevolucións, hiperenxebrismos) sen base etimolóxica nin de uso, por afán diferencialista. A guerra e a ditadura impediron que esta proposta chegara a popularizarse, pois o galego foi varrido por moitos anos da vida pública. 
 
 
c) Galego protoestándar (ata fins dos anos 1970: autores de Galaxia). Medra a conciencia da necesidade dun modelo culto que apoie a normalización do galego. Caracterízase sobre todo pola simplificación ortográfica :eliminación dos signos ortográficos utilizados para representar os encontros vocálicos (apóstrofos e guións), pola adopción dunha acentuación semellante á da ortografía do castelán (elimínanse os outros tipos de acentos, acentos graves e cincunflexos).
 

d) Galego estándar (ata a actualidade)

Nos anos 70 xorden novas propostas, froito dun mellor coñecemento da lingua galega viva, o que permite depurar o modelo de lingua estándar de castelanismos e hiperenxebrismos, ademais de adoptar un criterio científico para a adaptación de cultismos. Estas propostas cristalizan nas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego de 1982, presentadas conxuntamente polo Instituto da Lingua Galega e a Real Academia Galega. Foi a primeira normativa oficial e nace nun momento clave: o nacemento da Autonomía de Galicia. É o galego estándar que se vén utilizando na administración pública de Galicia e no sistema educativo. Trátase dun modelo de lingua fortemente enraizado no galego falado. Adapta solucións ortográficas xa consolidadas na tradición escrita galega contemporánea que vén desenvolvéndose desde o século XIX e, ao mesmo tempo, depúraa de elementos alleos e proporciónalle os mecanismos para a súa adaptación ás novas necesidades que lle abre o camiño da normalización.

Non todos os sectores da cultura galega aceptaron as Normas oficializadas de 1982. Algúns defenderon posturas favorables a unha normativa de achegamento ao portugués: reintegracionismo. O argumento do que parten é que o galego e o portugués son variantes da mesma lingua, dotada de gran unidade ata finais da Idade Media, e polo tanto, o galego oral xa ten unha variante culta. O máis práctico, para eles, mesmo desde o punto de vista da supervivencia da nosa lingua, é adaptarse á norma culta do portugués e integrarse nunha gran comunidade de falantes que é a lusofonía.

En 2003 prodúcese unha revisión das Normas oficiais de 1982, favorecendo o acordo cos sectores máis moderados do reintegracionismo. Con todo, non existe, aínda, unha reconciliación total. 
 
A oficialización dunha norma culta e estándar provocou en moitos falantes ao principio un certo rexeitamento ao consideraren a lingua da TVG, da Radio Galega e de outros medios como unha especie de "galego inventado, de laboratorio" co que non se sentían identificados. Mais toda lingua moderna ha de ter a súa norma culta que se usa nos rexistros máis formais, como o galego non a tiña polo seu uso unicamente oral foi necesario creala.
Nos últimos anos as ferramentas informáticas e a Internet supuxeron un importante avance na implantación da norma culta: correctores de lingua e dicionarios para procesadores de texto, navegadores, sistemas operativos (Android, Windows, Linux); tradutores automáticos, webs especializadas; cursos en liña; etc. 

INTERFERENCIAS E DESVIACIÓNS DA NORMA

En primeiro lugar imos definir ámbolos dous conceptos:
Interferencia é a influencia dunha lingua sobre outra, incorporando elementos que desprazan e substitúen os propios da lingua receptora. A interferencia pode darse en calquera dos niveis dunha lingua: fonético, morfosintáctico e léxico-semántico. A lingua coa que máis interferencias ten o galego é a lingua coa que vive en permanente contacto desde hai séculos: o castelán. As interferencias do castelán chámanse castelanismos. A continuación imos sinalar castelanismos frecuentes en cada un dos niveis lingüísticos:
·      Castelanismos fonéticos: a non distinción de 7 vogais en posición tónica, a imitación da entoación propia do castelán, a mala pronunciación de fonemas característicos do galego coma o /∫/ ou /h/.
·      Castelanismos morfosintácticos: afectan ás formas verbais: conduzco por conduzo, soupen por souben, leer por ler, reír por rir… á utilización de tempos compostos: había feito, hei feito por fixera e fixen;  á colocación do pronome átono: Me dixo que viría por Díxome que viría; á utilización do pronome reflexivo en contextos en que o galego nunca o utiliza: Lavouse a cara  por Lavou a cara.
·      Castelanismos léxicos e semánticos: substituír palabras galegas por palabras castelás: cuchara por culler, sartén por tixola ou tixela, Dios por Deus; ás veces cunha pequena adaptación ao galego: conexo por coello, cuchilo por coitelo, carreteira por estrada, axuntamento por concello. Os castelanismos semánticos van máis alá de substituír unha palabra por outra; modifican a estrutura profunda de oposición de significado que existen en galego: ex. non é o mesmo “escada” ca “escaleira”, pero un uso do galego interferido ignora esta distinción e adopta sempre o termo idéntico ao castelán: “escaleira”; “rubio” ou “roibo” ou “ruibo” en galego ten o significado de “rojo” en castelán, pero nun uso interferido polo castelán “rubio” pasa a significar “de pelo claro”, concepto para o que o galego ten a palabra “roxo” (na fala tradicional “unha vaca roxa” non é o mesmo ca “unha vaca rubia”). Neste nivel tamén poderiamos incluír a substitución da fraseoloxía tradicional galega (frases feitas, refráns) por unha tradución literal de frases e refráns casteláns: ex. En galego a frase castelá No está el horno para bollos diríase “Non está o alcacer para gaitas”; No me mires con esa cara diríase “Non espetes o corno na braña” ou “Non me poñas cara de ferreiro”. 
Mais tamén hai interferencias do galego no castelán, como o uso do pronome de solidariedade (*No te sé - No sé), ou de tempos verbais simples en lugar dos compostos do cstelán (*Cuando llegué a casa , él ya se fuera), uso de perífreses inexistentes en castelán (*No doy aprobado el examen), uso de léxico galego (*colo, pega, sacho, silva, reseso, parvo...)
    Achantar: acobardar
          Botafumeiro: brasero que se utiliza para esparcir el incienso
          Colo: regazo
    Chubasco: lluvia, chaparrón
          Dorna: barco de pesca pequeño
    Filloa: hoja de masa dulce
    Grelo: hoja de verdura
    Meiga: bruja o mago
    Morriña: nostalgia
    Muñeira o Muiñeira: baile tradicional
          Orballo: llovizna
    Pazo: casa señorial
    Queimada: bebida alcohólica
          Reseso: duro
    Sarpullido: aparición de granos en la piel
    Vieira: especie de molusco
          Vigía: vigilancia


Desviacións  aquelas voces que non se axustan á normativa, ben porque non pertencen ao nivel culto (vulgarismos, dialectalismos), ben por non seren palabras de uso actual (arcaísmos), ben por seren inventos motivados indirectamente pola presión do castelán (hipergaleguismos). 

1.- Arcaísmos: existiron na lingua noutra época pero deixaron de usarse ou case non se usan. Non son moi frecuentes: estoria (historia), outo (alto), conquerir (conseguir), vegada (vez).

2.-Vulgarismos: palabras usadas por algúns falantes que non son correctas na lingua estándar e culta. Algunhas son moi frecuentes na lingua oral: probe por pobre. Principais tipos de vulgarismos:

-Prótese. Engádese unha vogal no comezo dunha palabra: arradio por radio
-Epéntese. Engádese un fonema no medio da palabra: soio por , ademirar por admirar.
-Paragoxe. Engádese unha vogal no final da palabra: falare por falar, corazonhe por corazón
-Síncopa. Suprímese unha vogal no medio da palabra vran por verán, esprito por espírito.
-Aférese. Suprímese unha vogal no comezo da palabra: maxinar por imaxinar
-Cambio da vogal: satenta por setenta, condanado por condenado, somana por semana
.
-Apócope. Suprímese a vogal ou sílaba finais: verdá por verdade. 
-Metátese. Cámbiase de posición un fonema: probe por pobre.
-Rotacismo. Cámbiase /r/ por /s/: mermo por mesmo, derde por desde
-Reducións e vocalizacións de grupos consonánticos (coluna por colum­na, correto por correcto, repunante por repugnante, perfeuto por perfecto...).

3.-Hipergaleguismos (hiperenxebrismos, pseudogaleguismos), palabras que non son normativas, o seu uso vén dado polo afán de usar un galego correcto e enxebre que se diferencie do castelán, así galeguízanse formas coincidentes co castelán: zoa por zonapersoaxe por personaxesemán por semanaurbán por urbano, calqueira por calquera, cadeirádego por catedrático.

4.- Dialectalismos : ghato por gato, corazón por corazón, iste por este, “deulle o millo ás galiñas” por “deulles o millo ás galiñas”, muito por moito, cimos por grelos



Comentarios

Publicacións populares deste blog

A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas

As variedades dialectais da lingua galega

Poesía galega de finais do século XX e inicios do XXI (anos 80, 90 e década dos 2000)