O teatro galego entre 1936 e 1975
O xénero dramático acusou dun xeito moi especial a expulsión do galego do ámbito público polo réxime franquista. O teatro implica non só a produción dun texto literario, senón a súa posta en escena nun espazo público: un escenario, actores, director... e, por suposto público. É dicir, que ás condicións adversas que condicionaron unha década de silencio para o xénero poético e narrativo, hai que engadir a inexistencia dos outros condicionantes para facer posible o feito teatral. Esta situación contrasta vivamente coa situación antes da guerra, en que se estaban dando pasos para unha dedicación profesionalizada da actividade teatral.
- Manuel Varela Buxán: era un escritor de pezas dramáticas costumistas con elementos cómicos que gozaba de gran éxito entre a comunidade galega de Buenos Aires. Obras súas como Pola nosa culpa e Taberna sen dono alternaban representación a principios dos 40 con Os vellos non deben de namorarse, aínda que non se editarían ata os anos 70 en Galicia.
- Eduardo Blanco-Amor: sabe misturar a tradición do teatro popular con elementos vangardistas (ao estilo dalgunhas pezas teatrais de Lorca) en Farsas para títeres. O seu Teatro prá xente é un conxunto de pezas breves de ambiente popularizante, intención crítica e trama sinxela dirixidas ao público galego de Buenos Aires. Aínda que foron escritas nos anos 50 non se publicaron ata 1974.
- Luís Seoane: na súa obra A soldadeira fai unha evocación reivindicativa do pasado histórico de Galicia (a época das loitas irmandiñas).
Para poñer un pouco de orde nesta etapa establecemos dúas xeracións:
PRIMEIRA XERACIÓN DE POSGUERRA OU XERACIÓN DOS 50
Coa recuperación cultural que se produce a partir de 1950, aparece en Galicia un teatro máis orientado cara á lectura que á representación, porque as posibilidades de representar as obras eran escasas. Os autores deste periodo teñen en común o desexo de transcender a realidade na que viven para representar conflitos, situacións e personaxes cunha proxección universal. Ofrecen unha visión escura e conflitiva do mundo e da existencia. Este teatro diríxese a unha minoría intelectual de opción galeguista e coñecedora do teatro europeo. Destacan:
Xenaro Mariñas del Valle: influenciado polo existencialismo: con pezas de carácter simbólico que amosan unha visión tráxica da existencia (A revolta e outras farsas).
Álvaro Cunqueiro con O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca, que reinterpreta o mito clásico a través do seu protagonista que vive condicionado por un destino que o persegue.Cunqueiro utiliza mitos e personaxes das traxedias clásicas para expoñer problemas universais ou da sociedade do seu tempo.
Manuel María, inspirouse na tradición popular nun teatro poético, sen acción, en varias obras entre as que destacan os “autos”: Auto do taberneiro, Auto do labrego, Auto do mariñeiro e Auto da costureira). A finais do 60, convencido da capacidade educativa do teatro e do seu valor para a concienciación social, utilizará o escenario como plataforma ideolóxica, creando un teatro popular e ao mesmo tempo reivindicativo e propagandístico. Destacan así títulos como Barriga verde, Entremés da OTÁN, Farsa do Bululú, etc.
Anxel Fole inspirouse nos costumes e crenzas do rural na obra Pauto do demo,
Daniel Cortezón destaca na temática histórica con títulos como Prisciliano, Xelmírez ou a gloria de Compostela, Os Irmandiños.
A mediados dos sesenta a mellora da situación social e económica propicia unha certa actividade teatral, malia seguir sendo o xénero menos cultivado da nosa literatura.
Aparecen os primeiros grupos de teatro independente, ligados ao movemento estudiantil e ás asociacións culturais. (En 1965 nace O Facho, dirixido por Manuel Lourenzo, quen tamén fundará dous anos máis tarde o primeiro grupo independente.) As obras destas compañías teñen unha forte carga ideolóxica e rompen coas formas clásicas.
XERACIÓN DA MOSTRA DE TEATRO DE RIBADAVIA
O chamado Teatro Independente cumpriu unha importante función na axitación política antifranquista. Pretendía basicamente catro obxectivos:
a) Rescatar o teatro das salas comerciais e achegalo ao pobo.
b) Romper co concepto de compañía estable típica do teatro burgués e apostar polo teatro itinerante.
c) Encontrar novos métodos e novas formas de traballo para a representación teatral (afán experimental) baseándose nas propostas europeas de Bertold Brecht e Samuel Beckett, no esperpento de Valle Inclán e no teatro do absurdo de Ionesco.
d) Romper coa diglosia escénica e crear infraestruturas que permitisen o desenvolvemento pleno dunha dramaturxia galega comprometida.
Nos anos setenta son moi importantes para consolidar o teatro iniciativas como a Mostra de Teatro de Ribadavia (desde 1973 ata 1980) e o Concurso de Teatro Abrente. Grazas a elas deuse a coñecer a segunda xeración do teatro de posguerra. A Mostra e o Concurso van servir de punto de partida e de encontro para moitos autores e grupos que máis adiante continuarán na democracia o proceso de normalización do teatro galego como Antroido, Troula, Artello, A Farándula, Máscara 17, etc. Forman parte desta segunda xeración de dramaturgos autores como Manuel Lourenzo, Euloxio Ruibal, ou Roberto Vidal Bolaño
Manuel Lourenzo, unha das figuras máis significativas do panorama teatral galego do século XX. Desenvolve un papel de enlace entre os autores de posguerra e os máis novos. É autor, director, estudoso do teatro, actor (era o popular “Melghacho” da serie “Mareas Vivas” da TVG).A súa obra é moi extensa e de temáticas moi diversas. Podémola agrupar en varios ciclos:
• Ciclo relacionado coa mitoloxía clásica greco-latina: Fedra, Electra.
• Ciclo das mulleres apaixoadas: A noite dourada de Mimí de Cora, A paixón de Blenda Moore.
• Ciclo da mitoloxía galega: O bosque máxico de Xabarín, O segredo da illa Troneira, Todos os fillos de Galaad.
• Ciclo experimental: Veladas indecentes, Teatro mínimo.
Euloxio Ruibal é autor dun teatro experimental que utiliza a miúdo técnicas propias do cine. Escribiu pezas contra a violencia e a opresión como Zardigot (peza de estilo cinematográfico onde se explora a historia da Guerra Civil nunha familia galega)ou O cabodano, e outras cómicas e satíricas (Azos de esguello ou Unha macana de dote). Ruibal tamén dedicou parte da súa obra ao público infantil.
Roberto Vidal Bolaño, promotor teatral, director, investigador, autor, actor, fundador de compañías (“Teatro do Aquí”). Ten unha ampla obra: por un lado, textos simbólicos con raíces populares como Laudamuco, señor de ningures (na que aborda o tema do tirano que se encontra no declive do seu poder); Ledaíñas pola morte do Meco (onde o protagonista, o pobo, debe ir descubrindo a identidade do Meco, fonte de inxustiza e explotador das clases populares); por outro lado, ten textos máis complexos onde dá unha visión pesimista da vida (Días sen gloria, Saxo tenor...)
Comentarios
Publicar un comentario