A prosa de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90.
Como característica desta nova etapa debemos
destacar unha maior diversificación en todos os aspectos, de estilos, de
temas e de rexistros lingüísticos:
a) Publícanse parte das novelas centradas na guerra civil e posguerra, case todas escritas moitos anos antes no exilio.
b) Narrativa histórica, con introdución de elementos fantásticos ou de aventuras
c) Narrativa de xénero: do oeste , ciencia-ficción , erótica. E novela negra (Carlos G. Reigosa...) que será a que maior éxito acade, as novelas de Domingo Villar Ollos de auga, A praia dos afogados, O último barco son éxitos actuais tanto en galego como na tradución castelá. O mesmo acontece con Pedro Feijoo: Os fillos do mar, Memoria da choiva, Os fillos do lume. Ou Arantza Portabales: Beleza vermella.
d) Narrativa experimental
e) Narrativa realista
f) Narrativa humorística
g) Narrativa fantástica, en boa parte influenciada por Cunqueiro
h) Narrativa intimista
i) Narrativa urbana e experimental
Ademais doutros autores xa estudados en temas anteriores e que seguen publicando podemos sinalar:
*Carlos Casares (1941-2002)
comezou coa Nova Narrativa Galega, mais as súas mellores novelas son
posteriores e de feitura moito máis clásica. A súa prosa é sinxela pero
moi traballada, para resultar natural e interesar a un amplo número de
lectores. Ilustrísima
é unha breve novela na que un bispo de principios de século en Ourense
se ve obrigado por unha sociedade retrógrada e fanática a condenar o
cine contra a súa vontade. O sol de verán, publicada pouco
despois da súa morte está narrada por unha muller, Helena, que lembra un
amor imposíbel, afectada polo repentino suicidio de Carlos.
*Xosé Manuel Martínez Oca. Ten unha extensa obra de novelas e relatos curtos. En Beiramar, combina realismo con elementos do mítico popular galego
*Alfredo Conde, cunha ampla obra na que destacamos Xa vai o Griffón no vento:
narra alternativamente dúas historias; unha que acontece na Compostela
do s. XVI, no ambiente da Inquisición, e outra na Provenza actual.
*Xavier Alcalá: A novela que, ata o momento, gozou de maior éxito foi A nosa cinza na que nos ofrece unha visión da infancia e a mocidade da xeración da posguerra.
*Carlos G. Reigosa, coñecido principalmente polas súas novelas detectivescas: Crime en Compostela. En Pepa a loba recrea a vida desta histórica muller.
*Darío Xohán Cabana:
O seu mundo narrativo está fortemente influenciado por Cunqueiro:
construción sinxela, fusión de fantasía e realidade, reutilización da
materia de Bretaña e da mitoloxía popular, Galván en Saor é a máis representativa.
*Suso de Toro: Ten unha obra extensa e moi variada. As súas primeiras obras (Polaroid)
son libros fragmentarios, transgresores, con personaxes marxinais,
múltiples voces narrativas. As súas obras posteriores son máis
convencionais. A sombra cazadora
é unha exitosa novela xuvenil de ciencia-ficción, ao mesmo tempo que un
relato iniciático e unha reflexión sobre o poder manipulador dos medios
de comunicación.
*Manuel Rivas:
É o escritor actual con maior proxección editorial e mediática, dentro e
fóra das nosas fronteiras. As súas primeiras obras no campo da
narrativa foron libros de relatos, cheos de humor e lirismo -Que me queres, amor?-; entre as novelas sobresae O lapis do carpinteiro (1998)
onde narra unha historia de amor ambientada na guerra civil e na
inmediata posguerra; ambas as dúas obras foron levadas con éxito ao
cine. E entre outras, a monumental: Os libros arden mal, que colleitou unha morea de premios.
*Antón Riveiro Coello:
cultiva unha temática moi variada (desde o xénero negro ata a evocación
da infancia) nos moitos relatos e novelas publicados ata o momento. As rulas de Bakunin está protagonizada por un vello loitador anarquista e desenvólvese ao longo de case todo o s. XX. Laura no deserto é unha das mellores novelas dos últimos anos en galego.
Ademais, unha morea de autores e obras de calidade merecen ser citados. Víctor Freixanes (O triángulo inscrito na circunferencia), , Xosé Monteagudo (Todo canto fomos), Manuel Lourenzo González (O xardín das pedras flotantes), Xosé Ramón Pena (Para despois do adeus), etc.
Nos últimos anos desta etapa está a producirse un boom de narrativa de mulleres (como sucedera pouco antes na poesía) que aínda sendo moi variada posúe algúns trazos comúns: protagonismo feminino, cuestionamento dos valores patriarcais e dos roles tradicionais, as relacións entre mulleres... Rosa Aneiros, Teresa Moure - Herba moura ambientada no s. XVI en Suecia e Ámsterdam-, María Reimóndez -O club da calceta, trata sobre a condición feminina na sociedade actual a través de seis protagonistas moi diferentes-, Inma López Silva, Anxos Sumai.
Mención á parte merece a literatura infantil e xuvenil (frecuentemente premiada fóra das nosas fronteiras). Algúns dos seus autores, aínda que ningún deles se dedica en exclusiva a este xénero son: Paco Martín: - a máis lida, premiada e traducida de toda a súa obra é Das cousas de Ramón Lamote-, Marilar Aleixandre -A expedición do Pacífico-, Fina Casalderrey -O misterio dos fillos de Lúa-, , Ramón Caride Ogando -Perigo vexetal-, Agustín Fernández Paz: o autor de máis éxito, traducido a moitos idiomas -Cartas de inverno, Aire negro-, María Victoria Moreno: Anagnórise. E outros moitos autores e autoras (Ledicia Costas -a que máis éxitos acada- Andrea Maceiras...) que levaron a nosa literatura xuvenil a unha altura nunca antes vista nin soñada.
------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------
1.-OS NOVOS CAMIÑOS DA NARRATIVA.
A narrativa en lingua galega tras a ditadura non permanece allea a unha serie de cambios que podemos sintetizar así.
-A narrativa convértese no xénero por excelencia que reflicte a Galicia do momento.
-Abandono da temática social realista.
-Un dos temas máis abordados é o da reflexión e necesidade de toma de conciencia por parte dos lectores sobre a identidade colectiva de Galicia como pobo diferenciado.
-Aparición de subxéneros narrativos como relato policial, ciencia-ficción, etc.
-Introdución do experimentalismo na novela: monólogo interior, mestura de espazos e tempos, fragmentarismo, etc.
-Importancia da narrativa infantil e xuvenil como elemento fundamental para conectar cos máis novos sen que se rompa o vínculo xeracional.
2.-PRINCIPAIS LIÑAS TEMÁTICAS.
a)Realismo ruralista: continuadores da liña de Fole.
b)Narrativa memorialistica: preocupación por recuperar a memoria histórica. Interese polo tema da Guerra Civil, o seu desenvolvemento en Galicia e as súas consecuencias.
c)Narrativa histórica: consiste en recrear momentos importantes da historia de Galicia.
d)Realismo sociolóxico: análise dos problemas da sociedade galega no posfranquismo: emigración, industrialización e desruralización.
e) Narrativa alegórico-social: reflexións sobre a identidade de Galicia como pobo.
3.-A NARRATIVA ENTRE 1975-1980.
Neste período perviven obras que se relacionan con modelos narrativos anteriores. Xosé Neira Vilas publica “Aqueles anos do Moncho” e Carlos Casares “Xoguetes para un tempo prohibido”, obra na que o autor vai abandonando a Nova Narrativa Galega e aposta por modelos narrativos máis tradicionais como fará en “Ilustrísima”, “Deus sentado nun sillón azul” ou “O sol do verán”
4.-A NARRATIVA DOS 80. Os anos 80 supoñen a consolidación da narrativa galega. Nesta época destacamos as seguintes liñas narrativas:
-Liña memorialística/intimista.
XAVIER ALCALÁ: a súa obra máis importante é “A nosa cinza”, memorias dun neno burgués que veñen a ser o contrapunto das memorias dun neno labrego de Neira Vilas. Cunha linguaxe clara fainos un retrato sociolóxico da burguesía galega durante o franquismo.
-A novela histórica:
VÍCTOR FREIXANES: coa novela “O triángulo inscrito na circunferencia” reconstrúe aspectos importantes do pasado histórico de Galcia.
ALFREDO CONDE: autor con obras de certa complexidade formal con múltiples referencias culturalistas. Destacamos “Xa vai o Griffin no vento” ou “Memoria de Noa”
-O relato policial: o autor máis emblemático é Carlos G. Reigosa con obras como “Crime en Compostela” ou “ O misterio do barco perdido”.
-Narrativa fragmentaria e experimental: son novelas nas que o discurso se rompe, é discontinuo; cesa un relato, comeza outro e retómase o anterior.
SUSO DE TORO: un dos autores de maior éxito na narrativa galega dos 80 e tamén da actual. Fai un uso maxistral nas súas obras do monólogo interior. Cun ton coloquial, con frecuentes referencias á linguaxe audiovisual reflicte as contradicións da sociedade galega do seu tempo tal e como vemos en obras como “Polaroid”, “Land Rover” e “Tic-Tac”.
-A narrativa de Méndez Ferrín: conta cun espazo especial dentro da narrativa de finais de século e comezos do XXI. Destaca nas súas obras o fragmentarismo e a temática ideolóxica. Aborda a cuestión da violencia exercida polos poderes do Estado contra os elementos de identidade de Galicia como pobo; a negación dos sinais de identidade de Galicia ocupan un lugar destacado na súa obra. É un autor que elabora moito a linguaxe, aparecen nas súas novelas frecuentes referencias a espacios mitolóxicos e simbólicos. Destacamos as súas obras “Arnoia,Arnoia”, “Amor de Artur” ou “No ventre do silencio”. Son públicos os seus posicionamentos marxista-leninistas e independentistas. Na actualidade ocupa o cargo de presidente da Real Academia Galega e estase a postular como candidato aos Nobel de liteatura.
5.-A NARRATIVA DOS 90 E AS ÚLTIMAS TENDENCIAS . Entre as principais tendencias temático-estilísticas que abrollan nos últimos tempos destacamos as seguintes:
- Novela histórica:
DARÍO XOHÁN CABANA: autor que recupera momentos relevantes da historia de Galicia, especialmente aqueles nos que Galicia perdeu a oportunidade histórica de se converter nun reino independente antes da súa incorporación á coroa de Castela. Aborda esta temática en “Morte de rei”, novela que se centra arredor da figura do rei don García. En “Cerco de ferro” céntrase no episodio do Monte Medulio.
FERNÁNDEZ FERREIRO: aborda novos subxéneros narrativos en galego como o relato policial ou a novela do oeste. Con todo, as súas obras máis importantes teñen contido histórico e céntrase no tema da Guerra Civil e o seu desenvolvemento en Galicia; así o vemos en “Agosto do 36” ou “Os últimos fuxidos”
Outro autor que aborda de maneira maxistral a problemática da Guerra Civil é Anxo Angueira na súa obra “Pensa nao”
-Novela de xénero.Son autores que tentaron recrear un xénero negro, novela negra centrada en Galicia, con personaxes de aquí e problemáticas e espazos propios. Destacamos a Bieito Iglesias con “Miss Ourense”, a Aníbal C. Malvar con “Un home xaceu aquí”.
Do xénero de aventuras encárgase XOSÉ MIRANDA, un dos máis destacados representantes a través da novela “Morning Star” na que recrea o mundo da bandidaxe galega durante o século XIX.. Miranda cultiva tamén a novela fantástica con “Historia dun paraugas azul” ou os relatos de terror.
-Novela experimental. Conxunto de obras fragmentarias que en certos casos resultan barroquizantes e cunha fonda elaboración formal como acontece con Xosé Carlos Caneiro con “Un xogo de apócrifos”. Tamén incluímos neste grupo a Gonzalo Navaza con “Erros e Tánatos”
-Neocostumismo urbano:
Conxunto de novelas e autores que establecen unha dialéctica ou contraposición entre a Galicia tradicional, que se resiste á súa desaparición malia a intensa presión social e máis as novas formas da Galicia urbana coa cultura de masas que é a que se pretende impoñer ao conxunto da sociedade galega.
Destacamos neste grupo a Manuel Rivas, o escritor galego actual con maior éxito de público. Mesmo relatos seus se teñen convertido en importantes películas como “A lingua das bolboretas” ou “O lapis do carpinteiro”, novelas nas que se reflicte o gusto do autor polos temas relacionados coa Guerra Civil; esta é a liña que continúa nunha das súas últimas novelas “Os libros arden mal”. Este autor non só destaca polas súas novelas senón tamén polos seus ensaios e artigos de prensa nos que se converte en ocasións no azoute dos que fan un uso indebido do poder que ostentan, aqueles que o utilizan en beneficio propio e dos seus e non no daqueles a quen representan.
-Narrativa feminista:
Nos últimos tempos xurdiron e están a xurdir un certo número de narradoras que lle aportan á novela galega un punto de vista feminista; referímonos a Marilar Alexandre, Inma López Silva, Marica Campo ou Teresa Moure con “Herba moura”.
-A literatura infantil e xuvenil:
Tralo éxito acadado neste subxénero por Casares, Neira Vilas ou Bernardino Graña, coa introdución do galego nos colexios, a demanda deste tipo de literatura fíxose patente e neste contexto apareceu un bo número de autores e autoras que cultivan este subxénero como Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Xabier P. Docampo, Ramón Caride ou Antón Cortizas. Son moitos os autores que traballan neste eido para que as novas xeracións teñan narrativa escrita en galego adecuada aos seus intereses e inquedanzas; son moitos e moitas os que contribúen co seu esforzo a que exista unha interesante literatura deste tipo destinada ás xeracións máis xoves.
-Últimas achegas:
Rexistramos nos últimos tempos o xurdir de certos subxéneros como diarios, blogs ou cadernos de bitácora. As últimas novelas e autores coinciden na preocupación por facer uso das técnicas máis modernas para reflectir as contradicións e características da sociedade galega actual. As redes sociais están tamén a servir como plataformas difusoras do labor dos creadores e creadoras que diariamente crean e difunden o seu labor. Aí están Pedro Feijoo, Francisco Castro, Manuel Portas, Inma López Silva e tantos outros e outras.
É esperanzador o panorama da narrativa galega actual, contamos con autores e autoras que abordan asuntos de actualidade sen esquecer a perspectiva histórica e cultural de Galicia. Son eles os que teñen parte do mérito de que o pasado literario de Galicia teña continuidade e posibilidades de futuro facendo posible a convivencia da tradición, a historia e cultura galega cos avances e cambios sociais e culturais que se producen na Galicia moderna con inquedanzas candentes como a defensa dos dereitos das mulleres con propostas de calidade procedentes dos ámbitos feministas. Non nos daría esta exposición para abordar os novos autores e autoras e as interesantes obras que configuran o rico panorama actual da literatura galega
----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------
Comentarios
Publicar un comentario