O teatro de fins do s XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e 90. Dramaturgos,tendencias e compañías actuais máis relevantes
O cambio de réxime vivido á morte do ditador Franco conlevou unha
mudanza radical no terreo literario, reorientando e diversificando a
oferta. O mesmo sucede no teatro, no que se produce unha revitalización
que nunca tivera na nosa historia literaria, mais de todos os xeitos
continúa a ser “a irmá pobre” da literatura, gozando dunha posición
inferior á poesía ou á narrativa.
Podemos distinguir tres fases no teatro actual:
a) Formación de compañías profesionais (1978-1983). Grupos nacidos ao redor das Mostras de Ribadavia
emprenden a aventura de facer do teatro a súa profesión, superando polo
tanto a fase de afeccionados na que debían vivir doutro traballo.
Podemos destacar Sarabela Teatro,
en Ourense, como compañía exitosa que segue en primeira liña na
actualidade. No plano estético, as obras de intencionalidade política
explícita ou alegórica van deixando paso a propostas máis diversificadas
e máis complexas.
b) Institucionalización (1984-1991). O primeiro fito é a creación do Centro Dramático Galego
(1984), primeira compañía pública dependente da Consellería de Cultura,
ademais da convocatoria de diversos premios amparados por outras
institucións públicas. Xorden ademais novas compañías profesionais (Teatro do Morcego, Cangas, 1989).
c) Desenvolvemento (ata a actualidade).
Multiplícanse as compañías profesionais e aparecen outras de teatro
alternativo ou experimental. Ponse en funcionamento a Rede Galega de
Teatros e Auditorios (1996) o que permite unha oferta máis estábel e
descentralizada e no curso 2005/06 arranca en Vigo a Escola Superior de
Arte Dramática, primeiro centro oficial para o ensino e aprendizaxe
teatrais.
Ao longo destes 30 anos van aumentando tamén as publicacións e coleccións de teatro, como os Cadernos da
Escola Dramática Galega ou os Libros do Centro Dramático Galego
publicados por Xerais, pero tamén neste campo o teatro é a “Cinsenta” da literatura.
Ao contarmos cunha oferta moi diversificada, é difícil atopar
unhas características comúns a todo o teatro desta época, pero a maioría
dos estudosos sinalan catro liñas que con frecuencia se entrecruzan: a crítica, a irónica, a lúdica e a culta.
O teatro crítico, comprometido coa realidade non vai ser tan directo e
combativo como no final do franquismo senón que botará man do humor e a
sátira para reflectir diferentes aspectos da nova realidade. A corrente
lúdica maniféstase nas comedias de enredo, musicais... Outra tendencia é
a culturalista, caracterizada polo xogo do “teatro dentro do teatro” e interrelación vida / escena; a intertextualidade con
outros textos da dramaturxia universal, que xa cultivara Cunqueiro e
outros autores nos anos 50/60, volve ter vixencia e encontra un novo
viveiro na adaptación de novelas galegas contemporáneas (A esmorga de Sarabela Teatro ou O club da calceta de Teatro do Morcego). E cobran cada vez maior relevancia as obras de carácter experimental.
Os Premios de Teatro María Casares, de periodicidade anual, foron creados en 1997 pola AAAG a
fin de servir de estímulo e recoñecemento ao labor desenvolvido pola
profesión teatral. Todos os anos celebran un acto que serve de promoción
da actividade teatral.
Entre os autores debemos comezar por lembrar a boa parte dos que participaron nas Mostras de Ribadavia, como Euloxio Rodríguez Ruibal, Manuel Lourenzo ou Roberto Vidal Bolaño,
auténticos “pais” do teatro actual e cuxa obra pertence
maioritariamente a esta etapa. Aínda que é moi difícil facer unha
selección dos autores máis (por non haber o suficiente distanciamento
nin perspectiva histórica), citaremos algúns:
*Manuel Guede Oliva (1956).
Tradutor e adaptador de autores clásicos (Molière, Shakespeare,
Ibsen...) foi director do Centro Dramático Galego durante tres lustros,
foi premio Álvaro Cunqueiro (o máis prestixioso en teatro) no ano 2006
cunha obra protagonizada por La Bella Otero.
*Joao Guisán Seixas (1957). Características de toda a súa produción son a ironía e a personificación de elementos da escenografía.
*Xesús Pisón (1954).
Cunha obra moi extensa caracterizada pola axilidade da lingua e o
logrado ritmo escénico, a súa temática é moi variada: desde a crítica
social evolucionou a un teatro pesimista e cheo de amargura sobre as
dificultades das relacións humanas. Ten tamén teatro infantil de
carácter fantástico moi afastado desa visión pesimista.
*Quico Cadaval (1960). Actor, contacontos, director e autor teatral.
*Cándido Pazó (1960).
Tamén actor, guionista, contacontos, director e autor teatral, é un dos
máis orixinais, prolíficos e premiados da actualidade. Os seus textos
potencian os monólogos ou diálogos que poñen en evidencia as ambicións,
carencias e contradicións dos seres humanos. Fixo unha adaptación, Nano, da novela Tic-tac de Suso de Toro.
* Manuel Núñez Singala (1963). O achado do Castro, Comedia bífida (representadas en multitude de ocasións)...
*Ademais, Henrique Rabuñal, Miguel Anxo Fernán-Vello, Gustavo Pernas (con moita obra publicada), Lino Braxe...
Comentarios
Publicar un comentario